Ana Miranda participa na iniciativa solidaria 'Rumbo a Cuba' capitaneada polo Open Arms

Ana Miranda
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participará dende este venres 17 de xullo na iniciativa solidaria 'Rumbo a Cuba' apoiada por máis de 150 entidades sociais, sindicais e políticas e liderada pola ONG Open Arms para denunciar o cruel bloqueo de Estados Unidos a Cuba e entregar material enerxético e sanitario 

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, desprazarase dende este xoves a La Habana até o luns 20 de xullo, onde se unirá á iniciativa solidaria 'Rumbo a Cuba' para denunciar o impacto humanitario do bloqueo dos Estados Unidos contra Cuba. Será a única representante do Parlamento Europeo que participe nesta misión internacional.

“Ao Pobo cubano estáselle impondo un castigo colectivo, de carácter ilegal, inhumano e extraterritorial co bloqueo económico, comercial e financeiro imposto polos Estados Unidos”, explica a eurodeputada do BNG sobre os motivos da súa viaxe, “con decisións dun enorme impacto social e humanitario que afectan a sectores esenciais como a saúde, a enerxía e a alimentación. Déixanse hospitais sen luz para operar, para as incubadoras de bebés, a familias sen poder cociñar, para alimentarse ou desprazarse a traballar, non é iso inhumano?”.

Esta misión 'Rumbo a Cuba' co barco Astral da ONG Open Arms é a primeira embarcación civil que cruza o Océano Atlántico co obxectivo de denunciar o bloqueo. A misión solidaria levará medicamentos, paneis solares, equipamento fotovoltaico e demais compoñentes eléctricos cos que garantir a conexión enerxética da Unidade de Coidados do Hospital Pediátrico Juan Manuel Márquez, de La Habana. Ademais, entregará o material sanitario ao centro hospitalario, asi como ducias de libros e material escolar á biblioteca da unidade de oncoloxía pediátrica.

Denuncia do criminal bloqueo de Estados Unidos a Cuba

Como leva denunciando o BNG repetidamente, afirma Ana Miranda, “o criminal bloqueo e as ameazas dos Estados Unidos á soberanía nacional de Cuba incumpren múltiples Resolucións de Nacións Unidas que condenan o bloqueo e colocan ao Pobo cubano nunha situación moi vulnerable a nivel enerxético e sanitario. Por iso, amosamos a solidariedade e temos que denunciar este ataque sistemático a un Pobo que lle deu ao mundo axuda e solidariedade internacionalista constante e ao que respectamos como galegos, pola nosa historia común e a pegada da nosa emigración na illa”.

Durante as xornadas de traballo en Cuba até o luns 20 de xullo, a eurodeputada do BNG desenvolverá, xunto á delegación de parlamentarios e representantes da sociedade civil,  un intenso programa de actividades con institucións e organizacións cubanas, incluída unha reunión co Presidente de Cuba Díaz Canel, con representantes da Asemblea Nacional de Cuba, un encontro co cantautor Silvio Rodríguez, asi como a participación nun acto solidario na Casa das Américas ou a entrega de material escolar e didáctico ao centro da infancia La Timba en La Manigua.

O sábado 18 de xullo, a eurodeputada realizará unha visita ao Centro Galego de La Habana, onde aínda hoxe se reúne a Federación de Sociedades Galegas de Cuba (FSCG) que agrupa a 43 sociedades, asociacións e colectivos. O obxectivo é coñecer a situación social da comunidade galega e a canalización das axudas da Xunta de Galiza.

“Estamos preocupados pola situación das galegas e galegos en Cuba, por como están a sufrir as consecuencias do bloqueo imposto polo Estados Unidos e as repercusións das novas sancións da Administración Trump. Por iso queremos escoitalos directamente, para coñecer a súa situación, especialmente os problemas da poboación maior”, lamenta a representante do BNG.

Como vicepresidenta da Asamblea paritaria Euro Latinoamericana/Eurolat e membro da Comisión de Desenvolvemento do Parlamento Europeo, Ana Miranda tamén manterá un encontro de traballo coa Delegación da Unión Europea en Cuba para tratar sobre a cooperación desenvolvida pola UE na illa e as necesidades actuais da sociedade cubana ante o agravamento da situación enerxética e do bloqueo.