Ana Miranda: “É moi curioso que o PP empregue os argumentos do BNG sobre a descentralización dos fondos europeos”
A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, amosa a súa sorpresa por que o PP empregue os argumentos que leva anos defendendo o BNG sobre a descentralización dos fondos europeos na autodenominada “Declaración Galicia”. Ademais, a eurodeputada galega aclara que este encontro organizado polos populares “non é unha reunión formal do Comité das Rexións”, senón un acto organizado pola Xunta cos membros españois do Comité das Rexións.
Ana Miranda salienta que, desde hai anos, os programas electorais do BNG defenden que “Galiza debe ter dereito a xestionar de forma directa os fondos da Unión Europea”, mentres que a autodenominada “Declaración Galicia" insta á revisión da proposta da Comisión Europea para o próximo marco financeiro plurianual 2028-2034 e rexeita a centralización dos fondos europeos.
“Resulta sorprendente que o PP diga unha cousas en Bruxelas, defendendo a centralización dos fondos, e diga a contraria en Galiza”, sinala a eurodeputada galega, quen lembra que a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Layen, é do mesmo partido que o presidente da Xunta. “Non vin aos eurodeputados populares participar na mobilización que houbo a semana pasada en Bruxelas contra a centralización dos fondos”, apunta.
“Que cínico é facer cumios e declaracións en Galiza, pero logo en Bruxelas apoiar os plans da Comisión Europea na centralización dos fondos europeos para o vindeiro período 2028-2034, mantendo un dobre discurso”, denuncia a eurodeputada do BNG, quen alerta unha vez máis do risco que esa proposta supón para Galiza ao perder a capacidade de xestionar os seus propios cartos.
Competencia do Parlamento Europeo
Por outro lado, Ana Miranda explica que, en todo caso, o Comité das Rexións, pese a grandilocuencia dos populares, non ten competencia para decidir os orzamentos comunitarios, xa que a única competencia lexislativa reside no Parlamento Europeo. Ademais, segundo explica a eurodeputada do Bloque, a única comisión pola que pasan estes fondos é a de Política de Cohesión, da que Miranda é a única integrante galega. “E comigo non falaron en ningún momento”.
Precisamente a eurodeputada do BNG alertou do risco de centralización presente no National Regional Partnership Plans (NRPP) ou Plans de Partenariado Nacionais e Rexionais, presentado recentemente pola Comisión Europea como parte fundamental do Marco Financeiro Plurianual (MFP) correspondente ao período 2028-2034. Este novo orzamento NRPP concentra os actuais fondos de cohesión (FEDER), social (FSE), agricultura (FEADER), pesca (FEMP) e Interreg e segundo apunta Miranda, o seu modelo de execución está baseado no modelo do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.