Parlamento Europeo

Ana Miranda: “Lamentamos que no Plan de Vivenda presentado pola Comisión non haxa medidas concretas para frear a especulación”

Ana Miranda
A eurodeputada do BNG critica que o Plan non ataque as causas estruturais da crise da vivenda

A respecto do primeiro “Plan Europeo de Vivenda Accesible” presentado hoxe pola Comisión Europea, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, considerou que “xa era hora que a Comisión Europea se posicionara nun tema tan importante como o da vivenda e tiveramos por fin un documento para traballar desde o Parlamento Europeo e ofrecer solucións á miles de familias que non poden chegar a fin de mes”.

Na súa intervención, Miranda subliñou que é preciso frear os alugueres abusivos e lexislar para que non boten a ninguén das súas casas en beneficio de alugueres turísticos. Por iso, a eurodeputada galega subliñou que aínda que é “un bo comezo, é un comezo insuficiente”, xa que “non hai medidas concretas para frear a especulación da vivenda, nin hai mención ao Pacto de Estabilidade para aumentar o gasto en vivenda pública nin se atacan as causas estruturais da crise de vivenda”.

“No BNG xa o dixemos en campaña, queremos un Fondo europeo de Vivenda, queremos máis vivenda pública, queremos medidas concretas que atallen os problemas estruturais”, manifestou Ana Miranda, quen convidou ao Comisario a visitar Santiago de Compostela “a capital do meu País, Galiza, e alí amosámoslle ideas concretas, que funcionan”.

Impulso á renovación

Pola contra, a eurodeputada do Bloque considera que no Plan hai aspectos interesantes, como a revisión das axudas estatais para que os fondos europeos (tamén os de cohesión) poidan complementar os fondos estatais tanto para construír como para renovar.