Ana Miranda insta á presidenta da Eurocámara que prohiba un evento no PE de extrema dereita que atenta contra as mulleres e o colectivo LGTBIQ+
A eurodeputada do BNG impulsou o envío dunha carta a Roberta Metsola que conta do apoio de 30 eurodeputados e eurodeputadas de 4 grupos políticos
O documento destaca que o acto previsto para a próxima semana non debería ser financiado con fondos europeos nin celebrarse nas instalacións do Parlamento
A eurodeputada del BNG, Ana Miranda, impulsou o envío dunha carta dirixida á presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, denunciando a celebración do acto de extrema dereita denominado “VII Cumbre Transatlántica” previsto para os días 2 e 3 de febreiro, e instándoa a prohibir dito evento.
O documento enviado a Metsola conta coas sinaturas de 30 eurodeputadas e eurodeputadas de catro grupos políticos do Parlamento Europeo: Verdes-ALE, A Esquerda, Renovar Europa e S&D. Denuncia que o evento está organizado non só por partidos de extrema dereita do Parlamento Europeo, senón tamén polo grupo anti-mulleres e anti-LGBTQI+ "Rede Política polos Valores", e reunirá a ducias de políticos, activistas e organizacións opostas aos dereitos humanos de Europa, África e América.
Por estas razóns, as eurodeputadas e os eurodeputados que asinaron a carta dirixida a Metsola consideran que "a manifestación internacional fascista non debería financiarse con fondos europeos nin celebrarse nas instalacións do Parlamento Europeo".
“Como correlatora da resolución de 2018 sobre o aumento da violencia neofascista en Europa (2018/2869(RSP)), insto, xunto cos asinantes desta carta, a que se respecte a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea e o Código de Conduta do Parlamento Europeo (sección 2.D), xa que o acontecemento atenta contra a dignidade e a integridade tanto das mulleres como dos nosos compañeiros da comunidade LGBTIQ+”, subliña Ana Miranda no documento.