Ana Miranda exixe ao Comisario de Pesca a revisión inmediata da PPC, “unha ruína para a pesca galega”
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, dirixiuse ao Comisario de Pesca e Oceános, Costa, para lanzar unha mensaxe de SOS ante a grave situación que vive o sector pesqueiro galego e o marisqueo e exixirlle unha revision inmediata da actual PPC (Política Pesqueira Común) por ser lesiva e unha “ruína para a pesca galega”.
Costas Kadis comparecía hoxe nunha sesión da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo para abordar a PPC. Comparecencia que Ana Miranda aproveitou para poñerlle enriba da mesa todos os problemas que arrastra o sector pesqueiro galego, un dos principais da UE, e a necesidade de adoptar medidas para darlle viabilidade futura.
“Lanzamos un SOS para a pesca e o marisqueo da Galiza que padece unha situación crítica pola desfeita nas rías galegas, a crise do cerco pola redución das cotas pesqueiras, a veda imposta pola UE en 87 zonas e que afectaron á capacidade pesqueira, a falta de apoio ao sector científico, a falla de relevo xeracional e o mal uso dos fondos FEMPA por parte da Xunta”, enfatizou.
Revisar a PPC e declarar Galiza zona altamente dependente da pesca
Miranda fixo fincapé na necesidade de adoptar medidas como a consideración da Galiza como zona altamente dependente da pesca, cuestión á que non deu resposta o Comisario malia recoñecer que é o principal sector pesqueiro.
A eurodeputada do BNG demandou unha modificación da PPC: “BNG temos claro que a PPC foi unha ruína para a pesca galega. Unha ruína na que foi cómplice o Goberno da Xunta que non apoiou ao sector en todos estes anos e contribuiu coa súa deixación ao seu desmantelamento”. Para Miranda é fundamental unha revisión profunda da PPC que teña en conta a realidade socio económica do sector pesqueiro galego do que dependen moitas localidades costeiras da Galiza e produce alimentos, que xera emprego, dinamiza a economía das áreas do litoral e da de comer a moitas familias. Lembra que nas sucesivas reformas da PPC non se tivo en conta a realidade pesqueira galega pola que o BNG leva anos loitando.
Finalmente, subliñou que “a modernización ten que estar adaptada á realidade porque non é o mesmo a situación das embarcacións galegas do sector pesqueiro, marisqueiro ou mexilloeiro que no Báltico ou no Mediterráneo”.