Ana Miranda denuncia na Comisión Europea o “reiterado incumprimento” por parte do goberno galego da ampliación da Rede Natura
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de dirixir unha pregunta á Comisión Europea sobre o reiterado incumprimento da Directiva de Hábitats por parte do goberno galego do PP ao non ampliar a Rede Natura. Desta forma, traslada á CE a pregunta de se o Plan Director galego da Rede Natura 2000 e as súas medidas de zonificacións cumpre ou non cos obxectivos de conservación que estabelece a Directiva de Hábitats.
“Non desenvolver axeitadamente as ferramentas de xestión e ordenación da Directiva de Hábitats, así como non ter abordado a ampliación tamén se traduce nunha grave incerteza xurídica que impide desenvolver os obxectivos de conservación da Rede Natura 2000”, salienta Ana Miranda, quen apunta que non ter abordado esa ampliación lles permite “campar as súas anchas para instalar proxectos como o de Altri”.
Para a eurodeputada galega é necesario considerar a urxencia da ampliación da Rede Natura, “que se ve gravemente afectada por plans e proxectos devastadores con gran impacto en Galiza”, entre os que sinala o cultivo do eucalipto e a ameaza de industrias como Altri, os lumes, a megaminería e a instalación de megaparques eólicos. “Considerando esta gravidade, reitero a necesidade de esixencia de cumprimento de protección destes espazos de biodiversidade e a súa ampliación”, subliña.
Ana Miranda critica que o goberno galego “leva anos sen ampliar a Rede Natura”, de forma que a contribución de Galiza é unha das máis baixas non só do Estado español (27%), senón de toda a Unión Europea, cun 11,74% de superficie protexida. Tamén salienta que tras a vaga de lumes o territorio da Rede Natura está moi afectado xa que quedou afectado nun 11% da súa superficie. “NOn
Procedemento de infracción
“Só blindar os instrumentos de protección da Rede Natura permitirá desenvolver con toda seguridade e garantías outros proxectos, afirma Ana Miranda, Ao respecto, a eurodeputada galega traslada á Comisión Europea a preocupación do Bloque sobre a situación da Rede Natura en Galiza e considera que os Gobernos galego e estatal non están velando pola aplicación coherente da Directiva de Hábitats e da Directiva de Aves en relación á Rede Natura 2000, en particular no desenvolvemento dos plans de protección e xestión propios para cada espazo.
Neste sentido, pregunta á Comisión Europea que medidas tomou o Goberno galego para cumprir os requisitos de conservación desas zonas singulares. Por outro lado, demanda información á CE sobre en que situación se atopa o procedemento de infracción aberto contra o Estado español iniciado en 2003 e que seguimento está realizando en relación con Galiza.