Parlamento Europeo

Ana Miranda: “Confiamos que a Comisión de Peticións acepte a denuncia presentada polas enfermeiras eventuais en loita”

MIranda enfermeiras en loita
A xornada de traballo organizada polo BNG incluíu un encontro coa deputada Tatjana Zdanoka e coa Alianza de Saúde Pública Europea

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, manifestou a súa confianza en que a Comisión de Peticións acepte a denuncia presentada hoxe á vicepresidenta da Comisión de Peticións, Tatjaza Zdanoka, polo colectivo “Enfermeiras eventuais en loita” sobre a precariedade laboral do sector e pola sucesión de contratos eventuais que fai a administración pública galega en fraude de lei contra a normativa europea. “De ser admitida a petición, o colectivo tería que volver a Bruxelas para comparecer na Comisión”, explicou Miranda tras o encontro coa eurodeputada Zdanoka, que cualificou de “moi produtivo”.

Igualmente, no caso de ser admitida a petición, seguirase o procedemento correspondente mediante o cal a Comisión dirixirase ao SERGAS para saber que está acontecendo coas contratacións. “O noso obxectivo é que se lle tire das orellas á administración galega e ao goberno galego por incumprir a normativa europea en materia de contratación”, subliñou a portavoz do BNG en Europa, quen lembrou que existe xa xurisprudencia do Tribunal de Xustiza Europeo sobre casos semellantes, polo que considerou que a Unión Europea “ten que dicir algo sobre este tipo de contratos”.

Neste sentido, explicou que os contratos eventuais non dan resposta ás necesidades da sanidade pública galega, xa que Galiza precisa 8.000 profesionais de enfermería máis, especialmente tendo en conta o envellecemento da poboación e a redución de servizos públicos sanitarios en determinadas zonas, e a emigración de profesionais causada pola precariedade laboral. “A situación das enfermeiras eventuais en loita vai ser o “caso das preferentes” da sanidade pública”, sinalou Ana Miranda a respecto da situación laboral deste colectivo, quen explicou a súa problemática cotiá nas dúas reunións celebradas.

Precariedade imposible

“Todo o día pendente do móbil para recibir os avisos durante nove ou 10 anos, imposibilidade de planificar nada, múltiples problemas para planificar a vida profesional e persoal, falta de dereitos laborais, concatenación de contratos chegando a traballar practicamente todos os días do mes, sometidas a unha precariedade imposible”, sinalou Catuxa Lagarón, quen exerceu de portavoz das “Enfermeiras eventuais en loita” desprazadas a Bruxelas.

Tamén explicaron que o Consello Internacional de Enfermería e a Organización Internacional do Traballo teñen denunciado que España é o Estado con maior porcentaxe de traballadoras e traballadores pobres e que o sector da enfermería está á cabeza da temporalidade. Ademais a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala que español está á cola do ratio de enfermeiras por habitante, con 5,3 profesionais de enfermería por cada 1.000 habitantes, mentres que a media europea se sitúa no 8,8.

“Saímos esperanzadas das reunións porque vimos moito interese na situación e no que traiamos para contar, que é moito, porque isto é o cumio de moitos anos, que arrastramos desde hai doce anos”, indicou, ao tempo que valorou que no encontro coa vicepresidenta da Comisión de Peticións tiveran a oportunidade de expresarse. “A sensación é boa”, concluíu.