Ana Miranda coñeceu no Centro Galego de La Habana a “difícil situación” da emigración galega en Cuba
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, desprazouse até o Centro Galego de La Habana, no marco da súa participación na misión solidaria 'Rumbo a Cuba', para interesarse pola situación e as necesidades da colectividade galega na illa. Miranda quixo transmitir o apoio e lembranza que Galiza lle debe a uns emigrantes e as e os seus descendentes que “son parte da nosa historia”.
Ana Miranda demandou dende o Centro Galego de La Habana que “Galiza teña unha delegación exterior en Cuba e preste máis atención ás galegos e aos galegos residentes na illa, porque o bloqueo significa eliminarlles os dereitos, e compre que non nos esquezamos delas”. A eurodeputada do BNG tamén se reuniu con membros do empresariado galego na illa para coñecer os efectos do bloqueo nas súas actividades.
O Centro Galego atópase no actual Gran Teatro de La Habana Alicia Alonso onde se reúne a Federación de Sociedades Galegas de Cuba (FSCG) que agrupa a 43 sociedades, asociacións e colectivos. A representante do BNG trasladoulle á actual presidenta da Agrupación de Sociedades Representativas de Municipios e Parroquias de Galiza en Cuba, Juana Caridade Fernández Pérez, a “preocupación de Galiza por esta colectividade, especialmente polas persoas maiores e a infancia, os máis vulnerables por culpa dos efectos do agravamento do bloqueo e os cortes de luz”.
Caridade Fernández recoñeceu que viven “unha situación difícil”, mais insistiu no traballo que realizan ao “alentar á xente para seguir mantendo o Centro, conservándoo para que a historia non se perda”. O Centro Galego de La Habana foi o primeiro e máis importante centro da nosa emigración en Cuba e chegou a contar con 64.000 membros. A bandeira galega foi ondeada xa alí a fins do século XIX e nel interpretouse por primeira vez o Himno Nacional de Galiza o 20 de decembro de 1907.
Ana Miranda é a única eurodeputada presente na viaxe solidaria capitaneda polo Open Arms. Como vicepresidenta da Asamblea paritaria Euro Latinoamericana/Eurolat e membro da Comisión de Desenvolvemento do Parlamento Europeo, insiste en que “é a nosa obriga denunciar o cruel e inhumano bloqueo dos Estados Unidos, que estamos a vivir en directo, mesmo deixando hospitais sen luz para operar, para as incubadoras de bebés e a familias sen poder cociñar, alimentarse ou desprazarse a traballar”.
A solidariedade internacional chega a Cuba
O barco Astral da ONG Open Arms realizou a derradeira etapa da súa viaxe dende Mexico, levando canda el sete toneladas de medicamentos, paneis solares, equipamento fotovoltaico e compoñentes eléctricos, ademais de material escolar. Este luns un primeiro lote será entregado á Unidade de Coidados do Hospital Pediátrico Juan Manuel Márquez, de La Habana co obxectivo de garantir a súa conexión enerxética.
Como leva denunciando o BNG repetidamente, lembra Ana Miranda, “o criminal bloqueo e as ameazas dos Estados Unidos á soberanía nacional de Cuba incumpren múltiples Resolucións de Nacións Unidas que condenan o bloqueo e colocan ao Pobo cubano nunha situación moi vulnerable a nivel enerxético e sanitario”. O barco Astral é precisamente a primeira embarcación civil que quebra este bloqueo dos Estados Unidos nunha campaña de solidariedade internacional que recaudou 170.000 euros de maís de 4.000 doazóns particulares.
Durante estas xornadas de apoio internacionalista en Cuba, a eurodeputada do BNG xa mantivo encontros de traballo na Asamblea Nacional, coa súa presidencia e vicepresidencia, ademais de participar nun acto solidario coa Unión de Escritores e Artistas de Cuba na Casa das Américas. Xunto a ela estiveron presentes tamén os embaixadores de Palestina ou do Sáhara Occidental en Cuba.