Ana Miranda comprométese a seguir defendendo a calidade e a orixe do produto pesqueiro galego na Eurocámara

dav
Cangas

A candidata do BNG ao Parlamento Europeo subliña que seguirá defendendo a definición específica para a pesca artesanal galega 

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo hoxe reunións co sector pesqueiro do Morrazo, por un lado coa Asociación de Armadores de Marín, e por outro coa Confraría de Pescadores de Cangas, xunto as respectivas candidatas á Alcaldía, Lucía Santos e Merche Giráldez. Tras os encontros, destacou que o escano do BNG seguirá sendo garantía de que en Bruxelas se escoite a voz do sector pesqueiro galego.

Ana Miranda defendeu que tanto nas negociacións de cotas, como na definición de pesca artesanal, como nas negociacións bilaterais, na Eurocámara debe terse en conta as necesidades e as peculiaridades galegas, xa que se trata dun sector estratéxico para Galiza. “Igual que fixemos nesta lexislatura, en Bruxelas daremos voz aos representantes do sector para que alí poidan explicar cales son os seus intereses e poidan ser escoitados”, manifestou.

No encontro coa Asociación de Armadores de Marín, o sector agradeceu á eurodeputada do BNG as xestións realizadas co acordo de Mauritania. A preocupación polo impacto do Brexit foi outro dos temas de análise da reunión e Miranda comprometeuse a seguir apoiando os acordo bilaterais de pesca da Unión Europea con terceiros países que beneficien ao sector galego. 

davTrazabilidade dos produtos

Na lonxa de Cangas, a eurodeputada do BNG mantivo un encontro con representantes da Confraría de Pescadores, a quen lles manifestou o compromiso de seguir defendendo os intereses galegos en Bruxelas, tanto respecto a pesca artesanal como o marisqueo, mediante a declaración de Galiza como zona altamente dependente da pesca e que o litoral galego debe quedar libre da aplicación de TACs e cuotas. 

Para a eurodeputada nacionalista, a definición da pesca artesanal europea debe ter en conta as características específicas do sector galego como son as artes de pesca e o seu impacto no ecosistema mariño, o feito de que se venda de peixe fresco, o tempo de permanencia no mar, a distancia da costa e o número de tripulantes das embarcacións, así como o impacto económico do sector nas poboacións costeiras. 

“Galiza debe ter voz, voto e veto nas institucións da UE onde se adoptan decisións en materia pesqueira que afecten ao sector”, asegurou Miranda no encontro, quen asemade salientou os esforzos que a cofradia de Cangas está facendo en materia de trazabilidade dos produtos, tanto para garantía do consumidor como para poñer en valor a calidade dos mesmos, que por outro lado permitiría aumentar as rendas dos propios produtores.

A eurodeputada do Bloque lamenta que ningún dos sucesivos gobernos estatais nin a propia Xunta de Galiza souberon defender o sector pesqueiro galego nas diferentes negociacións que tiveron lugar nesta lexislatura.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG