Europeas 2019

Ana Miranda comprométese a defender en Europa a denuncia pola falta de depuración da ría de Ferrol

Cofraría de Barallobre
Cofraría de Barallobre

A eurodeputada do Bloque denuncia que a Xunta fai un “uso partidista dos fondos europeos”

A eurodeputada e candidata do BNG ás #Europeas2019, Ana Miranda, subliñou que unha das primeiras medidas que levará ao Parlamento Europeo será presentar de novo a denuncia por falta de depuración e problema dos lodos na ría de Ferrol e no caso de Barallobre. Asemade cualificou de “moi preocupante” o uso partidista que fai a Xunta do uso dos fondos europeos.

“Estou moi contenta de estar co sector pesqueiro e marisqueiro no primeiro día de campaña”, asegurou Ana Miranda tras un encontro cos representantes da Confraría de Pescadores de Fene e o candidato á Alcaldía Juventino Trigo. Na reunión trasladoulles o seu compromiso na defensa dos sectores produtivos galegos, como a pesca e o marisqueo, pero tamén co saneamento das rías, entendéndoas como dúas caras da mesma moeda, “xa que a mellora da calidade da auga supón a mellora da produtividade do sector pesqueiro e viceversa”.

Durante o encontro, os representantes da Confraría denunciaron que esta entidade está sendo moi afectada tanto pola falta de limpeza da ría de Ferrol, como polos problemas na depuración de augas e polo impacto da denegación de fondos para a vixilancia e a asistencia técnica da propia Confraría.

Encontro FeneEn consecuencia, e tras lembrar que desde Barallobre xa foi presentada unha denuncia na Comisión de Peticións, Miranda asegurou que “agora a imos reabrir, no caso de que o pobo galego nos apoie para voltar ao ver que a nosa presenza foi útil na defensa da pesca artesanal”. Neste sentido avanzou que proporá ás confrarías afectadas a viaxe dunha delegación a Bruxelas para explicar polo miúdo os problemas da ría. “Con Juventino Trigo levaremos ao Parlamento Europeo a defensa dos sectores produtivos”, afirmou.

No tocante aos fondos europeos, a eurodeputada do Bloque acusou á Consellería de Mar de uso partidista dos fondos europeos e discriminación de unhas confrarías respecto a outras segundo presenten uns tipos de proxectos ou outros. Para Miranda, estas decisións semellan que teñen como consecuencia “a destrución da pesca artesanal galega e o marisqueo”, e ao seu xuízo “en lugar de prestarlles apoio parece que queren ir a súa privatización”. “Non é normal que os fondos europeos os teñan uns e non outros”, sinalou.

Cota da xarda

Pola súa banda, tras o encontro que mantivo co candidato do BNG á Alcaldía de Ares, Emilio Mesías, a eurodeputada nacionalista defendeu “un reparto equitativo na cota da xarda”, posto que segundo considerou actualmente “é profundamente discriminatoria porque nin a Xunta nin o Estado defenden ben a pesca do cerco en Bruxelas”.

Outras das propostas do BNG de Ares consiste na elaboración dun plan de marisqueo a flote e a pé que poña en valor os recursos naturais da ría, xa que está considerada zona de libre marisqueo. Ao respecto, Mesías considera que “esta circunstancia por un lado impide á Confraría levar o control e a xestión, e por outro imposibilita crear postos de traballo na vola”, manifestou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG