Ana Miranda: “A aprobación do CETA é unha traizón para os pobos europeos”
- A portavoz do BNG en Europa lamenta un acordo que prioriza ás grandes corporacións e lobbies en contra dos dereitos humanos, sociais e medio ambientais
A portavoz do BNG, en Europa, Ana Miranda afirma que o Acordo Económico e Comercial Global (CETA) entre a Unión europea e Canadá, aprobado hoxe en Estrasburgo, representa “unha traizón” aos pobos europeos, o emprego, a saúde, os sectores produtivos e a protección do Medio ambiente”.
Para a portavoz do BNG en Europa, a aprobación do CETA (Acordo Comercial UE-Canadá), prioriza ás grandes corporacións e lobbies contra os dereitos humanos, sociais e medio ambientais.
Con este acordo, a “gran coalición europea PP-PSE-Liberal” consolida o neoliberalismo, sen equidade nin xustiza. Miranda destaca o intenso debate durante meses na Eurocámara e a campaña de NON AO CETA en toda Europa con máis de 3 millóns de sinaturas e manifestacións.
Miranda cualifica o CETA de “ paso atrás” para a democracia e critica a “o segredo e falta de transparencia nunhas negociacións ás costas dos diversos Pobos europeos”, facendo prevalecer os intereses das grandes transnacionais e con numerosas presións contra Parlamentos como o de Valonia. O BNG, reiterou, considera o acordo lesivo para Galiza, “protexe máis aos inversores, transnacionais e empresas financeiras que os aspectos sociais ou medioambientais” ademais de supor a perda de 230.000 postos de traballo en Europa. Por outra parte, consolida un sistema de arbitraxe sen precedentes totalmente antidemocrático que sobarda a xustiza e sobre todo e non conta con lexitimidade ao non ser ratificado polos Parlamentos dos Estados Membros.
Ana Miranda considera que para Galiza, este Acordo CETA prexudica aos sectores: laboral, saúde e acceso ás medicinas, consolida o intercambio de produtos do agrobussines, no sector pesqueiro terá graves consecuencias sobre as Denominacións de Orixe Protexidas (DOP) e Indicacións Xeográficas, na seguridade alimentar, o dereito á auga e a enerxía.
A portavoz do BNG tamén manifesta que o acordo afectará aos dereitos sociais porque “implica a consolidación da inxustiza social, da iniquidade, outorga máis poder as grandes transnacionais en detrimento dos padróns sociais, do traballo decente e dos dereitos das e dos traballadores pois aceita o dumping social, competencia desleal de Canadá, país que non asinou o convenio da OIT sobre a negociación colectiva”.