Ana Miranda anuncia que na vindeira Comisión de Pesca da Eurocámara pedirá a retirada da norma que veta a pesca de fondo

Concentración Vigo
Concentración Vigo
O BNG desenvolve unha ofensiva contra a decisión tomada pola Unión Europea por infundada e por non respectar a soberanía pesqueira galega

Diante dun “lugar simbólico” como é a Axencia Europea de Control da Pesca de Vigo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, anunciou que na Comisión de Pesca que terá lugar na Eurocámara o vindeiro luns, -e na que está prevista a participación do Comisario Virginijus Sinkevicius-, instará a retirar a normativa que veta a pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico adoptada pola Comisión Europea. Esta medida ten un grave impacto no sector pesqueiro galego, xa que afecta a 200 barcos de capital galego e 900 de forma indirecta, máis de 4.000 tripulantes, e sobre todo os portos de Vigo, Ribeira, A Coruña e Celeiro.

Segundo explicou Ana Miranda tras un acto de protesta que contou coa participación da deputada no Parlamento Galego Carmela González e o portavoz municipal Xabier P. Igrexas, a normativa pode retirarse ao entender que existe prevaricación “por non facer o estudo socioeconómico”. Neste sentido explicou que Irlanda xa solicitou a petición de suspensión, cun recurso presentado no Tribunal de Xustiza de Luxemburgo, “mentres ao Estado non lle vimos ningunha acción, só anuncios e publicidade”, criticou. “Estamos vendo moitas cousas estrañas. Chaman á unión pero non son capaces de presentar un recurso en tempo e forma antes de que remate o prazo. Chaman a unión pero non son capaces de presentar un recurso por parte da Xunta. Chaman a unión pero non son capaces de presentarse en Bruxelas diante do comisario”, sinalou a eurodeputada nacionalista

Ana Miranda
Ana Miranda

Ao respecto desvelou que o propio 15 de setembro, día da aprobación da medida, solicitou unha entrevista urxente con Virginijus Sinkevicius, comisario de Océanos -“nin sequera é un comisario de Pesca”, apuntou. “Respondeunos onte dicindo que virá darnos resposta conxuntamente a todos os eurodeputados na Comisión de Pesca que se celebra este luns”, indicou Ana Miranda, quen cualificou de “covardía enorme” a actitude do Comisario, posto que o prazo remata este domingo e comparece o luns, ao día seguinte. “Que fácil é comparecer o día seguinte”, sinalou ao respecto.

Sector estratéxico

Segundo denuncia o Bloque, a Unión Europea está lexislando de costas a un sector que é estratéxico para Galiza, xa que é altamente dependente da pesca. “Se isto pasara en Alemaña, Alemaña se estaría movendo. Pero o problema é que na Unión Europea a pesca non é un sector estratéxico, é un sector que non conta, e para que conte estamos nós, que dende o BNG defendemos que non se tomen decisións de costas ás nosas vilas costeiras e aos nosos sectores produtivos". Neste sentido para o Bloque, a decisión imposta pola Unión Europea é totalmente infundada, “ademais de “arbitraria e inxusta”, segundo cualificou Xabier P. Igrexas. “É infundada por dous motivos: non se fixo un estudo de impacto socioeconómico como corresponde a calquera tipo de normativa que vaia a producir un amarre na frota, e por riba, se inclúe no informe científico, que está anticuado, determinados tipos de artes, como o palangre, que é un arte que é de fondo pero móbil, polo que non debería estar incluído”, salientou Miranda.

Diante desta situación, o Bloque está desenvolvendo unha ofensiva en todas as institucións, no Concello de Vigo, no Parlamento Galego, no Congreso e no Parlamento Europeo. A respecto da Eurocámara, Ana Miranda explicou que é o lugar onde se tomou esta decisión entre 2013 e 2016, na que se colexislou esta normativa “e na que nós votamos en contra, a pesar das tonterías que din algúns partidos políticos”. Segundo salientou a eurodeputada nacionalista, nestes anos tiveron a oportunidade, -desde 2016 a 2022, ano no que a Comisión volve retomar o tema con este acto de execución da norma- de preparar ao sector para o que se aveciñaba e de protestar en Bruxelas por parte do Estado. “Pasaron gobernos de dúas cores e deixaron o sector tirado”, apuntou.

Ana Miranda puxo en valor as actuacións desenvolvidas polo Bloque desde o 15 de setembro, día en que se coñeceu a decisión da Comisión Europea e sinalou que o día 19 unha delegación do BNG encabezada por Ana Pontón reuniuse con ARVI, o 23  celebrouse un encontro en Ribeira, e se presentaron diversas iniciativas tanto no Concello de Vigo como no Congreso e o Parlamento Galego, precisamente “fronte a parálise do goberno galego” denunciada pola deputada Carmela González, quen criticou a parálise do presidente da Xunta.

Por outro lado, a eurodeputada do Bloque criticou as incertidumes causadas polas informacións contraditorias vertidas polo goberno estatal, en especial o ministro Planas, e a Comisión. “Agardamos ter información clara e sobre todo transparencia, xa que non a houbo nin por parte do Estado, nin por parte da Xunta, nin moito menos por parte da Comisión Europea”, subliñou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG