parlamento galego

Alexandra Fernández denuncia os recortes na atención presencial do IGVS para xestionar as fianzas por alugueiro

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
A deputada do BNG acusa á Xunta do PP de afondar na brecha dixital ao deixar a miles de arrendatarios sen o asesoramento que viñan prestando os funcionarios

A deputada do BNG Alexandra Fernández acusou hoxe ao Goberno do PP de “afondar na brecha dixital e na vulneración do dereito ao ser atendido de maneira presencial”  a través dos recortes levados a cabo en pleno mes de agosto no servizo do Instituto Galego da Vivenda e o Solo para tramitar o depósito das fianzas por alugueres.

Até o de agora, segundo explicou a deputada nacionalista, os arrendadores que se vían na obriga de facer o depósito perante o IGVS contaban coa posibilidade de acudir ás oficinas deste instituto e alí recibir o asesoramento e a axuda necesaria para tramitar in situ o pago.

Trala “poda” de agosto, elimínase o asesoramento e a opción presencial limítase a que sexa o propio solicitante quen entregue vía Rexistro Administrativo toda a documentación que se lle require. “Ou ben presentas dixitalmente ou ben te buscas a vida para unha tramitación moi complicada”, denunciou Alexandra Fernández, subliñando as dificultades que isto supón para moitas persoas maiores ou que carecen das competencias dixitais necesarias.

“Están vostedes creando unha ventanilla presencial privatizada. Porque ou fas a tramitación de forma dixital ou a vía presencial acaba sendo mediada por unha xestoría privada”, criticou a deputada, que considera este recorte como un máis dos levados a cabo pola Administración aproveitado as limitacións que impuxo a pandemia. “A canle dixital é unha opción que debe estar en permanente mellor, mais sempre en paralelo á canle presencial”, advertiu.

Salientou, por outra banda, o importante número de afectados pola decisión do IGVS. No ano 2022 o número total de fianzas depositadas alcanzou as 25.000 solicitudes, e no que vai de ano xa se tramitaron máis de 22.000 depósitos. Cada mes se depositan entre 2.500 e 3.000 fianzas, alegou, aínda que tamén quixo deixar claro que “aínda que foran poucas as persoas, o servizo habería que prestalo igualmente”.

Ás críticas polos recortes na prestación do servizo, sumou os diferentes horarios e carteira de servizos que teñen as oficinas do IGVS e que “o servizo informático que ten neste momento é moi mellorable” pois, afirmou, “non cumpre cos estándares de privacidade” e o que fai é que “na práctica as chaves dos usuarios estean en mans das xestorías, que mesmo recoñecen que o método non é propio para unha Administración pública”.

Financiamento da vivenda pública

Na formulación dunha pregunta ao director xeral do IGVS, Heriberto García, na Comisión 2ª, Fernández criticou así mesmo que o feito de dificultar aos arrendatarios o pago das fianzas “vai en contra do intereses da propia Administración”, pois os cartos depositados deberían servir para financiar a promoción de vivenda pública.

“Os depósitos de fianzas calcúlase que poden estar sobre os sesenta millóns de euros, e unha boa parte pódense empregar para facilitar o financiamento da vivenda pública, mais nos últimos oito anos o IGVS creou en toda Galiza apenas 22 vivendas públicas”, lamentou a representante do BNG.         

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG