parlamento galego

Alexandra Fernández acusa ao Goberno do PP de decretar o “peche en diferido” do centro de saúde de Pazos de Borbén

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández

Denuncia a situación penosa do centro, sen pediatría, con baixas que non se cobren, persoal que fai gardas fora ou urxencias que anulan o resto da atención

“Están afogando aos veciños e está afogando ao persoal, para que todos marchen de alí”, reprochoulle a deputada do BNG ao conselleiro de Sanidade

A deputada do BNG Alexandra Fernández acusou hoxe ao titular da Consellería de Sanidade, Julio García Comesaña, de ter decretado “o peche en diferido” do centro de saúde de Pazos de Borbén, que sofre unha “situación penosa” que obriga a moitos veciños e veciñs a fuxir, pedindo atención sanitaria nos concellos de Redondela ou Ponteareas “fartos de que sexa habitual que non haxa médico”.  “Están afogando aos veciños e están afogando ao persoal, para que todos marchen de alí”, asegurou.

A deputada nacionalista denunciou así “problemas graves de persoal” dun centro no que o servizo de pediatría foi eliminado, deixando sen atención en Pazos a 150 cativos. Ademais, cada vez que o facultativo ou a enfermeira están de vacacións ou de baixa, ninguén os substitúe, como sucedeu, apuntou Fernández, este mesmo mes, cando o centro estivo quince días sen atención pola baixa dunha médica.

A facultativa de Pazos é obrigada a facer un mínimo de dúas gardas ao mes noutros centros, polo que eses días tampouco hai persoal médico no centro. A maiores, expuxo Alexandra Fernández, cando hai urxencias no concello, a única doutora ten que abandonar o centro, quedando este tamén desatendido nesta situación.

“Todo isto é unha situación crónica que vostedes crearon”, reprochoulle ao conselleiro a deputada do BNG, que advertiu ademais de que a precariedade da praza de persoal médico no centro, cunha carga “insoportable” de traballo que supera os 50 pacientes ao día, dificulta que se cubran as baixas.

“O resultado da súa xestión é que a xente acaba indo en horario de tarde ao PAC de Redondela ou directamente opta por mudar as cartillas a outros centros de saúde da contorna, colapsando máis estes centros. Así pouco a pouco van liquidando o centro de saúde de Pazos”, denunciou.

Alexandra Fernández instou ao conselleiro a facer cambios para “dunha vez por todas” sacar ao centro de saúde de Pazos “desta situación crítica”, e lamentou a “declaración de incapacidade e incompetencia” feita na súa resposta por García Comesaña. Se vostede xestionase unha empresa privada, vostede lle diría ao seu xefe que a empresa se vai ao tacho porque ninguén quere traballar nela?. Vostede estaría despedido”, espetoulle, para acto seguido instalo a poñer mellores condicións laborais. “E verá como os médicos deixan de marchar fora”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG