O acordo de emprego público asinado por Xunta, UGT e CCOO non recupera dereitos laborais e salariais

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará criticou o “entusiasmo” do conselleiro de Facenda por un “mal  acordo” que impón acordos estatais e non conta co consenso da maioría sindical nin de traballadores e traballadoras do sector público

O deputado do BNG, Luís Bará cualificou hoxe de “mal acordo” asinado pola Xunta, UGT e CCOO  para a administración pública galega porque non recolle o consenso da maioría sindical, dos traballadores e traballadoras do sector público, non recupera os postos de traballo eliminados durante “unha década negra” de recortes do Partido popular  e non  repara as retribucións económicas nin os dereitos laborais e salariais, “roubados”.

Luís Bará afirmou que  a comparecencia  do responsable de Facenda estivo trufada   de “trampas, enganos e disfraces” comezando pola propia linguaxe, en alusión  á concertación porque  en realidade, dixo, a  “maioría sindical” non apoio o acordo por “inxusto e discriminatorio”. A segunda trampa,  responde a un marco de negociación alleo a Galiza, “unha imposición de acordos estatais” que a Xunta  quere aplicar “en diferido”. Neste sentido, pediu  ao Goberno galego  que abandone a súa actitude submisa á “centralización” e exerza as súas  competencias nesta materia.

Para o deputado, resulta contraditorio que o Partido popular amosara ultimamente,  ironizou, “unha postura, case soberanista” na súa reclamación de competencias para  desmarcarse da liña ultra de Casado pero  na práctica constatamos que esa postura é falsa, como evidencia este “mal acordo”.

Outra das trampas, recalcou Bará foi non ter consultado ao conxunto do persoal da Administración galega. “O mal acordo” tampouco contou coas mesas sectoriais e ámbitos de negociación pero a cuarta trampa, dixo, é a máis grave porque supón aceptar o relato sobre a crise que a dereita utiliza para  xustificar os recortes e sacrificios da clase traballadora, mentres sectores privilexiados e capital de grandes empresas acumulaban substanciosos beneficios. Vostedes, queren facer “tabula rasa” dunha década negra e dando por perdidos a maior parte dos dereitos salariais e laborais.

Nesta liña, acusou ao Partido popular de dar por “irreversible” a incautación de máis do  20% dos salarios por distintas vías:” Redución do 5% imposto polo goberno Zapatero,  impago de pagas extras, conxelación salarial,  maior presión fiscal, e   subidas do IPC. Vostede minte cando afirma que os traballadores e traballadoras públicos   cobrarán máis que no ano 2008, na práctica o acordo non contempla  todas as subidas do IPC nin as perdas acumuladas nestes anos.

Na súa intervención, Luís Bará acusou da perda de dereitos laborais  aos gobernos do PSOE e PP ao que sumou as medidas anunciadas como temporais da Xunta que se converteron en “permanentes”. Medidas “ultraconservadoras” que o Partido popular aplicou en Galiza como o mellor dos “alumnos avantaxados”.

En Galiza, vivimos unha auténtica “década negra” para o emprego público e dende o BNG “non imos pasar por riba dunha   páxina” que pon en risco os servizos públicos fundamentais como a xerada na  sanidade consecuencia das políticas de destrución de emprego do Partido popular. As política do PP  explicou Bará , destruíron máis de 6.000 postos de traballo na Sanidade pública galega incrementando as privatizacións, instaurando a precarización e baixando os salarios. Agora cos acordos dos anos 2017, 2018 e 2019 volven a situar  “nun marco regresivo” á administración  pública.

Con este acordo non conseguiremos novos dereitos nin recuperaremos “os roubados”. O deputado volveu a cuestionar  os beneficios do acordo sobre a carreira profesional, a subida do 8,7% que non contempla o incremento do IPC durante estes anos  e non se recupera o emprego destruído coa escusa da crise. Bará reivindicou a eliminación das taxas de reposición e que Galiza exerza as súas competencias en materia de emprego público, sen caer  “nunha oferta raquítica”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG