Jorquera afirma que as políticas de Feijóo son "unha rémora" para converxer co Estado e Europa
O BNG pide unha Comisión de investigación sobre a imputación de Dositeo Rodríguez por presunto fraude na Fundación Camilo José Cela
O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera compareceu ante os medios de comunicación, tras a Xunta de portavoces, ao fin de informar dos asuntos que serán debatidos na vindeira sesión plenaria.
O deputado anunciou que preguntará ao presidente da Xunta como valora o incremento da fenda entre Galiza e o Estado e Europa da que dixo é produto das políticas inadecuadas do Goberno galego.
Hai uns días, explicou, eran coñecidos os datos de riqueza rexional do 2013 publicados por Eurostat que reflectían unha riqueza per cápita media dun galego equivalente ao 83% fronte a dun cidadán europeo. No ano 2009 representaba o 92,3% polo tanto, afirmou o parlamentario, retrocedemos 10 puntos retornando ao ano 2004 ao que engadiu que a fenda sitúase en 12 puntos a respecto da media española.
Jorquera tamén afirmou que hoxe aínda estamos peor porque no ano 2014 o PIB galego aumentou só un 0,4% mentres Europa facíao ao 1,3% e España un 1,4%. Para o deputado, a crise non fixo máis que acentuar as desigualdades tamén no ámbito territorial.
O BNG pide unha comisión se investigación sobre a imputación de Dositeo Rodríguez por presunto fraude na Fundación Camilo José Cela
Francisco Jorquera lembrou que o BNG en reiteradas ocasións denunciou na Cámara galega o escurantismo e falta de transparencia sobre os recursos públicos mobilizados para a Fundación Camilo José Cela e reclamou a desvinculación da Administración pública da Fundación. Agora, engadiu, ante os novos datos que relacionan ao que fora patrono desta entidade e actual membro do Consello de Contas, Dositeo Rodríguez nun presunto fraude, corroboran as denuncias do BNG. Jorquera demandou da Mesa do Parlamento crear unha Comisión de investigación sobre o uso dos fondos públicos destinados á Fundación Camilo José Cela, solicitude que será respondida pola Mesa na próxima Xunta de Portavoces.
Asuntos da vindeira sesión plenaria
Jorquera adiantou as iniciativas que, a proposta do BNG, serán debatidas no pleno entre as que destacou: Unha proposición non de lei sobre os resultados da aplicación do Decreto do Plurilingüismo no ensino, o proxecto de Lei Ordenadora da Inspección de Traballo e Seguridade Social que se está a tramitar no Congreso dos deputad@s e que pretende pechar o proceso de transferencias, e unha moción sobre o Decreto de Reválidas, debate no que o BNG pedirá a súa retirada.
Noutra orde de cousas, no vindeiro pleno tamén será tratada a licitación da contratación dos medios aéreos para o dispositivo contra os incendios forestais, o desabastecemento de vacinas e a demora de facer público o contrato privado asinado coa produtora do videoclip de Enrique Iglesias, seguimos sen coñecer os contidos deste contrato. Esta é a transparencia da que tanto presume o Sr.Feijóo, concluíu.