A Fundación Galiza Sempre renova padroado e reforza o seu papel de análise da realidade do País

Novo padroado da Fundación Galiza Sempre con significativas incorporacións do ámbito académico e social co obxectivo de reforzar o seu labor de análise da realidade política, socioeconómica e cultural do País, que permita aportar propostas que contribúan a resolver os problemas dos galegos e galegas e camiñar cara a soberanía de Galiza.

A fundación, vinculada ao BNG, pasa a estar presidida polo que fora portavoz nacional da formación, Guillerme Vázquez, e terá como vicepresidenta a Ana Luísa Bouza, e como director-xerente a Xavier Campos, dun total de catorce membros, entre os que tamén figuran o escritor e ensaísta Suso de Toro, a economista María do Carmo García Negro especialista no sector pesqueiro, o historiador e promotor da revista Murguía, Uxío Beográn Diéguez, Luísa González, presidenta do Observatorio da Mariña pola Igualdade, Rubén Lois, catedrático de Xeografía da USC, e Mar Pérez Fra, profesora de Economía Aplicada na USC e experta no sector agrario.

O padroado complétase coa presenza dos membros da Executiva nacional: Bieito Lobeira, secretario de Organización, Goretti Sanmartin, secretaria de Acción Municipal, Ana Miranda, secretaria de Política Internacional, Nestor Rego, secretario de Iniciativas Políticas e Rafa Vilar, secretario de Acción Social.

En palabras do electo presidente da FGS, o padroado é “o grupo de persoas que vai dirixir a entidade vinculada ao BNG aínda que desenvolve o seu traballo de xeito autónomo e ten como obxectivo fundamental analizar a realidade socieconómica, política e cultural desde unha perspectiva nacionalista, difundir a historia deste País e promover o espazo da lusofonía”.

Ademais do padroado, a FGS terá pronto novas incorporacións que contribuirán a reforzar o papel da entidade como fornecedora de análises e de ideas que contribúan a solucionar os principais problemas do país, en particular os que afectan aos sectores produtivos, sistema financeiro, laboral e,

en xeral, para dar alternativas ás políticas de recortes de servizos públicos e de dereitos individuais do PP.

O portavoz nacional, Xavier Vence, transmitiu os seus parabéns aos membros do novo padroado, aos que agradeceu o seu compromiso co País, aportando os seus coñecementos nos diversos ámbitos académicos e políticos ao servizo de Galiza.