Ana Pontón defende un novo modelo fiscal, unha banca pública galega e máis investimento en I+D+i

  • A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón tras pronunciar unha conferencia no almorzo informativo organizado por “Nueva Economía Fórum”  respondeu ás  preguntas formuladas por representantes de diversos sectores e medios de comunicación

Pleno.- A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón manifestou hoxe no almorzo informativo organizado por “Nueva Economía Fórum Europa que o BNG presentase ás eleccións para “gobernar o país” e se Feijóo perde a maioría  serei  “a primeira en chamar a  Villares e a Leiceaga” para falar sobre propostas que permitan  un goberno alternativo. Neste sentido,   lembrou que no pasado debate celebrado o luns na RTVG foi “moi clara” á hora de falar de pactos tralo 25 S.

Ana Pontón respondeu ás preguntas d@s xornalistas

A preguntas dos xornalistas, a candidata do BNG amosouse convencida de que o próximo 25 de setembro os nacionalistas acadarán un excelente resultado porque o BNG ten solidez e ambición e “imos dar unha gran sorpresa nas eleccións”.

Preguntada polas diferenzas entre BNG e En Mareas, a candidata do BNG respondeu coa xestión dos gobernos municipais do BNG fronte a outros e ironizou asegurando que “nin son mareóloga” nin estudei esa especialidade na complutense. A miña preocupación, recalcou, é ser útil aos galegos e traballar para que saian desta difícil situación, “ o máis revolucionario que se pode ser en Galiza é ser nacionalista e confiar no que temos”, apostilou.

A candidata nacionalista presentou as propostas do BNG en materia económica

Tras ser presentada polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, Ana Pontón  pronunciou unha conferencia na explicou que Galiza é produtora  excendentaria de enerxía eléctrica soportando os custes ambientais e sociais e parecería de sentido común obter beneficios dos nosos recursos pero o Goberno central, “os de dereitas e esquerdas mantiveron unha lexislación que impón unha tarifa única para todo o Estado”, mentres noutros estados europeos contan con tarifas diferentes para produtores e consumidores de enerxía. O BNG propón “unha tarifa eléctrica galega para abaratar as facturas das familias e empresas”.

Ademais, a candidata tamén reclamou unha Banca pública porque “cada ano emigran do noso país 15.000 M€ dos aforros dos galegos e galegas” que serven  para crear riqueza e financiar proxectos fora de Galiza grazas ao desmantelamento do noso sistema financeiro dende Madrid e Bruxelas,  mentres o Goberno galego “servía aos intereses dese proxecto e mostrábase incapaz de salvagardar as caixas”. O desleixo do Goberno galego foi tal que mesmo impediu que no Parlamento galego “puidésemos investigar que pasou para chegar a esa situación” así como  as responsabilidades dos directivos que deixaron un “burato de máis de 8.000 M€.

O BNG quere investir máis en I+D+i

Ana Pontón defendeu a “xestión do aforro galego a través dunha Banca pública galega” que facilite o crédito as familias, autónomos e empresas e como primeiro paso, dixo Pontón,  propoñemos crear un Instituto oficial de crédito galego.

Outro dos obxectivos do BNG é duplicar os recursos en I+D+i e concentrar crédito en empresas de coñecemento e que aposten por localizar en Galiza actividades con un alto valor innovador.

Na súa alocución, a candidata nacionalista  aludiu as contas públicas das que dixo “hai un discurso oficial de que somos un territorio que non pode valerse por si mesmo”, o BNG propón a xestión e recadación dos nosos impostos a través dunha Facenda galega e  capacidade normativa para aplicar a política fiscal “que máis nos conveña”. Para blindar os servizos públicos e garantir o benestar social “non chegan os bos desexos”, precisamos recursos económicos públicos e só podemos facelo a través “dunha política fiscal propia”.

Ana Pontón criticou o sistema de financiamento “fortemente centralizado” polo que avogou por superar este actual status e podedes estar seguros, recalcou, que os recursos “non serán para rescatar a banca ou manter programas de armamento para seguir financiando guerras inxustas”. Non pode haber unha sanidade ou educación de calidade en Galiza senón contamos cunha política fiscal galega.