Ana Miranda denuncia a violencia de Israel na abordaxe do "Marianne" e pide o fin do bloqueo a Gaza

A portavoz do BNG en Bruxelas e Vicepresidenta de ALE, Ana Miranda, descrebeu este mediodía a violencia empregada polas autoridades israelíes na abordaxe do barco humanitario da Frotilla a Gaza, o “Marianne”, na madrugada do domingo 28 de xuño a 90 millas de Gaza, en augas internacionais.

Ana Miranda explicou que xa levaban días “perseguidos por dous barcos non identificados, barcos pantasma” que logo se rebelaron da armada de Israel. “Na noite do 28 de xuño navegábamos por augas internacionais cun barco de pavillón europeo, sueco, e dentro da legalidade internacional estabelecida, o noso barco foi literalmente abordado e secuestrado”.

Explicou pormenorizadamente como foi a abordaxe e a actitude belixerante dos axentes “encapuchados de Israel”. Por unha alerta do capitán do barco foron despertados sobre a medianoite, e “fixemos resistencia pacífica como adeprendemos na formación dos dez días previos. En ningún momento usamos a violencia e tratamos de negociar con eles”. “Pretendían que deixásemos a mercadoría humanitaria que levábamos para a poboación palestina de Gaza, como material escolar, sanitario ou paneis solares, no porto israelí de Ashdod, dicíndonos que logo a levarían eles a Gaza”.

Ana Miranda deixou claro que se negaron ás “mintiras e falsedades das autoridades de Israel”. Relatou como axentes encapuchados con armas entraron pola popa do barco e “nos obrigaron a tumbarnos, empurrándonos e caendo todos uns enriba doutros”. De aí os moratóns nos brazos e na perna. “Usaron unha violencia desmesurada, incluso con porras eléctricas para tomar o control da cabina de mando, e arrestaron á tripulación ate levala a proa co resto dos pasaxeiros”. No barco ademais da tripulación sueca, noruega e canadiense, viaxaban activistas como o deputado da Knesset Basel Ghattas, o ex presidente de Tunicia, xornalistas de Rusia, Nova Zelanda, de Al Jazeera e de Israel.

O “Marianne está secuestrado por Israel con axuda humanitaria”

Explicou que “nos levaron navegando até chegar onte sobre as 22 horas ao porto de Ashdod”. Sinalou que “retrasaron a propósito a chegada ao porto porque había unha manifestación de palestinos a favor da Frotilla”, que por suposto xa non estaba cando chegamos”. Ana Miranda denunciou que foron incomunicados, que lles confiscaron os telefones, os ordenadores”, telefone móvil que por certo “non me devolveron”.

A representante do BNG denunciou a “falla de lexitimidade de Israel” e deixou claro que “seguiremos a loitar contra o bloqueo ilegal a Gaza e en pro dun Estado Palestino libre”. “Non fomos quen de romper o bloqueo físico pero rompemos o bloqueo do silenzo”. Rexeitou de plano as manipulacións e falsedades de Netanyahu que cualificou esta misión humanitaria “de Frotilla do terror”. Nese sentido, puxo de manifesto que no barco “Marianne” viaxaba un xornalista israelí que literalmente “ficou impactado por ver que efectivamente era unha misión humanitaria, xa que as autoridades de Israel estaban dando unha versión distinta”.

Ana Miranda foi deportada na madrugada de hoxe martes e á súa chegada ao aeroporto de Madrid Barajas foi escoltada por policías nacionais “como se fose unha criminal cando simplemente son unha cidadana expulsada por defender a paz”.

A voceira do BNG en Bruxelas subliñou que “poremos denuncia tanto polo trato agresivo e violento recibido no barco como por ter secuestrado un barco de pavillón europeo con material de axuda humanitaria. Denunciarémolo perante a Corte Penal Internacional”.

Ana Miranda estivo acompañada na rolda de prensa polas deputadas do BNG no Congreso e polo Embaixador de Palestina así como membros da organización Rumbo a Gaza.