Patrimonio comprométese co BNG a ofrecer apoio técnico a Castroverde para recuperar Soutomerille

Soutomerille. Foto: Wikipedia.
Soutomerille. Foto: Wikipedia.

Olalla Rodil denuncia o estado “en ruínas” do emprazamento histórico e alerta do perigo que entraña para moitos peregrinos e peregrinas que percorren o primitivo Camiño de Santiago

A deputada do BNG, Olalla Rodil preguntou hoxe ao goberno como vai a actuar para recuperar o emprazamento histórico de Soutomerille, na actualidade “en ruínas” e cun acceso ás torres “inaccesíbel” por mor das silveiras. Este lugar, dixo, forma parte do Camiño de Santiago e son moitos os peregrinos e peregrinas que queren entrar na casa o  que entraña un importante risco polo que pediu ao goberno que actúe para a súa recuperación.

Pola súa parte, a directora de Patrimonio, María del Carmen Martínez Insua comprometeuse co BNG a ofrecer apoio técnico ao concello de Castroverde para recuperar as torres catalogadas como Ben de Interese Cultural.

O Concello de Castroverde, a 6 quilómetros da cidade de Lugo e no Camiño Primitivo,  catalogado como Patrimonio da Humanidade, explicou a deputada do BNG,  atópase o lugar de Soutomerille,  “o emprazamento histórico en ruínas” do que se conserva:  A Casa-Torre e a Torre de Arriba, unha vivenda de tres alturas que conserva parte da fachada principal  construída en cachotaría e cadeirado de granito no cercado dos ocos”. A torre é a parte máis antiga que se conserva e que foi noutro tempo  cárcere ademais de “soga e coitelo” como castigo. Catalogada como Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 1994.

A Torre de Abaixo. Atópase abandonada e en ruínas. Sitúase xunto á prerrománica e tamén abandonada igrexa de San Salvador de Soutomerille, reformada en 1619. A Torre de Abaixo tamén  foi catalogada como Ben de Interese Cultural en 1994.

A nacionalista considerou que este emprazamento histórico pode representar un importante recurso para o concello de Castroverde cun conxunto arquitectónico declarado Ben de Interese Cultural e resulta unha  “mágoa”, dixo,  que por ser unha propiedade privada a Xunta non intente “esa cesión” e invista para a súa recuperación.

Olalla Rodil afirmou que as persoas propietarias de bens históricos, habitualmente,  non invisten no seu mantemento e a administración pública atopase co problema da titularidade privada que impide facerse cargo polo que preguntou se non sería o momento de cambiar a lexislación para que a administración poda facerse cargo, nos casos, “claros e evidentes” nos que os propietarios e propietarias non asumen estas obrigas.

A parlamentaria tamén  lembrou que a Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde demandou en diversas ocasións que a administración actúe e reiterou que o patrimonio pode ser un importante elemento de “dinamización económica e social deses lugares”.

A directora de Patrimonio coincidiu coa nacionalista na necesidade de recuperar o conxunto histórico de Soutomerille  e reiterou que a dirección de Patrimonio está aberta a acoller, estudar e apoiar as demandas do concello encamiñadas a recuperar o  espazo arquitectónico de Soutomerille.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG