Pontón pide ao conselleiro o cese do secretario de P.Lingüística polo conflito co profesorado CELGA

A deputada formulou unha pregunta ao Goberno sobre as previsións de Educación relativas ao futuro laboral do profesorado despedido, tras a presentación dunha demanda para reclamar os seus dereitos laborais

Ana Pontón

A nacionalista, Ana Pontón utilizou o exemplo dunha hipotética empresa con traballadores/as “en precario”, sen contrato, sen seguridade social nin dereitos básicos laborais. A empresa imaxinaria, engadiu, négase a regularizar esta situación e cando os traballadores deciden defenderse ante a Inspección de Traballo, este órgano resolve dándolle a razón aos traballadores e indicando á empresa dalos/as de alta con carácter retroactivo nos últimos catro anos, imponlle unha sanción e confirma “o fraude”. Desta maneira, explicou a deputada do BNG o acontecido co profesorado dos cursos preparatorios CELGA dependentes da consellería de Educación despedidos por ter reclamado regularizar a súa situación laboral.

A parlamentaria cualificou de “moi grave” que Educación, a través da secretaria xeral de Política Lingüística decidira despedir ao profesorado CELGA “incumprindo a lei e o respecto aos dereitos democráticos” polos que debe rexerse calquera administración.

A deputada pediu a consellería de Educación “unha rectificación” e o cese do secretario xeral de Política Lingüística por unha actitude “intolerábel” nun sistema democrático e por non acatar a sentencia da Inspección de Traballo.

Pola súa parte, o conselleiro manifestou que o obxectivo da Xunta foi convocar os cursos sen agardar a que se resolvera o conflito laboral co anterior equipo polo que foi necesario contratar outro persoal docente do ensino público especializado en Lingua e literatura galega, “o conflito laboral apareceu agora logo de trinta anos sen denuncias” e a denuncia está recorrida porque a ilegalidade é responsabilidade do anterior goberno, afirmou Jesús Váquez.

A deputada censurou a “frivolidade” do conselleiro ante unha situación que afecta a moitas persoas que a Xunta despediu “porque gañaron unha demanda laboral”.

Finalmente, Pontón aludiu á dimisión dunha ministra do Reino Unido por cometer fraude nunhas axudas e aquí temos, dixo, un secretario de Política Lingüística que recoñece, en sede parlamentar, ao igual que vostede mesmo, “a modificación das bases de contratación ante a demanda laboral do profesorado” pero non pasa nada.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG