A Xunta intercederá ante @s consumidoras/es que queiran manter o propano en Caranza e Esteiro

Noa Presas
Noa Presas

A iniciativa do BNG aprobada no Parlamento abre a porta para evitar os abusos da empresa Gas Natural en Ferrol

A deputada do BNG, Noa Presas reclamou  hoxe na comisión de industria que o  Goberno galego denegue as autorizacións a  Gas Galicia para o proxecto de cambio de gas nos barrios de Caranza e Esteiro e a  solicitude para pechar as  instalacións da planta de GLP na urbanización de Caranza.

A parlamentaria argumentou que a proposta do BNG busca garantir os dereitos dos consumidores e consumidoras para frear  a imposición do cambio no subministro de Gas propano que utilizan no seu domicilio e que afecta a 3.000 vivendas dos barios de Caranza e Esteiro en Ferrol.

A deputada explicou que no mes maio do 2017, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas  autorizou a transmisión nas redes de distribución de GLP canalizado que Repsol Butano ten nos polígonos residenciais de Caranza e Esteiro (Ferrol) a favor de Gas Natural, Redes GLP SA coa consecuente subrogación de dereitos e obrigas asociados.

A pesar de ser unha  información pública,   todo o proceso causou moita “inquedanza e confusión na veciñanza”, principalmente polo déficit de comunicación da propia empresa e falta de “transparencia”  da Xunta e o  Concello. Neste sentido,  os grupos municipais do BNG e PSOE asinaron unha moción  para solicitar información e reclamar respecto  polos  intereses dos veciños e veciñas.

A empresa GAS NATURAL, lembrou a nacionalista,  ten expresado en documentos remitidos a diferentes administracións que “este hecho no supondrá ningún cambio en las condiciones de contratación y de servicio que la anterior empresa suministradora venía prestando”, pero  en  realidade é coñecida a súa intención de   “desmantelar a rede de subministro de gas propano en Ferrol ” e como primeira consecuencia deste cambio, o  tránsito para o gas natural “sería obrigatorio e non opcional” polo que estamos ante unha clara imposición que impide que os afectados poidan elixir libremente entre  gas propano ou gas natural. Situación, que a xuízo da deputada, constitúe “unha vulneración dos dereitos das persoas usuarias”.

A cuestión, dixo , non é debater cal destas formas ten maior ou menor rendemento enerxético ou poder calorífico, xa que  son similares; cal soporta mellor as baixas temperaturas, que hai diferenzas, ou cal é o mellor prezo . Do que estamos a falar  é  “de respectar os  dereitos das e dos consumidores e evitar un abuso encuberto”.

Por outra parte, moitos dos usuarios e usuarias teñen contratos de subministro de gas propano de carácter indefinido. E isto, debe “ser compatíbel” coa solicitude da empresa para desenvolver o proxecto da instalación do gas natural nas urbanizacións de Caranza e Esteiro e que sexan os usuarios e usuarias os que  decidan que tipo de gas queren, “o que veñen recibindo até o de agora ou mudar  a Gas Natural”.

Moitas veces temos falado nesta mesma comisión dos abusos e das vulneracións dos dereitos das persoas consumidoras, por exemplo no mercado eléctrico e nas fraudes que houbo por parte de redes comerciais no tránsito do mercado regulado ao libre, as consecuencias da desinformación que levaba a usuarios do que era o antigo bono social a facer o cambio por falta de coñecemento ou engano e a perdelo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG