Valoración inicial sobre a sentenza do Constitucional que avala a Lei Galega do Litoral

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez: “Sempre entendemos que o Estatuto recoñece a competencia de Galiza para ordenar e xestionar o seu litoral”

“Sempre entendemos que o Estatuto recoñece a competencia de Galiza de ordenar e xestionar o seu litoral”. Á espera de coñecer a literalidade do fallo, así valora inicialmente o BNG a sentenza do Tribunal Constitucional (TC) que avala por unanimidade a Lei galega de Ordenación e Xestión do Litoral fronte ao recurso presentado polo Goberno do Estado.

A portavoz nacionalista de Mar, Rosana Pérez, lembra que esta sempre foi a posición do BNG, tal e como consta no diario de sesións do Parlamento galego, unha posición que tamén foi avalada polo informe do Consello Consultivo. 

Pérez recorda tamén que a abstención do Bloque na tramitación da lei non foi porque entendese que Galiza non podía desenvolver dita competencia ou non estivese recollida no Estatuto, senón por discrepar dalgunhas das cuestións incluídas na lei e tamén por que entendía que a tramitación que fixo polo trámite de urxencia debía facerse “máis demoradamente”.    

Neste sentido, Pérez apunta a todo o referido á eólica mariña no texto normativo que, segundo recalca, “dende o noso punto de vista non resgarda, tal e como aparece na lei, ao sector que nós consideramos prioritario no mar e que é o sector pesqueiro”. 

En todo caso, para a deputada nacionalista, a sentenza volve demostrar unha vez máis o que o BNG dixo en tantas ocasións: “que a base era o diálogo, que debían chegar a un acordo o goberno do Estado e o Goberno galego”. Sen embargo, a Xunta decidiu naquel momento acometer a tramitación da lei pola vía de urxencia sen falar co Executivo estatal “absolutamente nada” e este recorreu, nunha decisión “que o Bloque non avalou en ningún momento”, recorda Pérez.

Cómpre lembrar neste sentido, que o BNG presentou ata en dúas ocasións no Parlamento galego unha proposta de lei de traspaso de servizos e medidas para a xestión do litoral galego como vía para desatascar precisamente o recurso do Goberno do Estado, pero o PP rexeitou a proposta en ámbalas dúas ocasións.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG