Os sucesos no servizo de saúde mental de Conxo son consecuencia dos recortes do PP na sanidade pública

MONTSEPRADO PLENO
Montse Prado
  • Montse Prado recrimina a Almuíña que “agocharse como avestruz” non resolve os problemas do sistema sanitario que sofren ususari@s e persoal

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, levou ao Parlamento os feitos acontecidos no servizo de saúde mental do centro hospitalario de Conxo saldados co falecemento dun doente e cunha agresión sexual que, para o BNG, son consecuencia dos recortes aplicados polo PP na sanidade pública.

“Son feitos de enorme gravidade que poñen ao PP, ao Goberno da Xunta e vostede como conselleiro de Sanidade ante o espello das consecuencias do deterioro da sanidade pública e, moi concretamente, da saúde mental, tanto nas condicións de atención aos doentes como nas condicións laborais do persoal”, salientou Prado durante a comparecencia de Jesús Vázquez Almuíña.

A deputada fixo referencia ás denuncias do Movemento Galego de Saúde Mental en relación ao déficit de persoal e de medios, -psiquiatras, psicólogos, persoal pedagóxico, bedeis-, que se traducen na “repetición de agresións” aos traballadores e traballadoras e entre doentes, “sen que a Xunta tome medidas”.

Neste sentido, tildou de “falta de respecto” do conselleiro que despachase con 20 segundos de intervención a súa pretendida explicación dos sucesos no Hospital de Conxo. “Cando unha persoa ingresa nun centro para evitar que se quite a vida, e iso pasa precisamente no centro hospitalario o mínimo é investigar por qué pasou”, salientou, tras denunciar que na saúde mental “están deixando aos profesionais sós”.

Prado acosou a Almuíña de fuxir da situación real da sanidade pública, “como os nenos que se agochan debaixo da manta ou as avestruces que escoden a cabeza na terra, como se por evitar velos os problemas deixaran de existir”, alegou.

Colapso e irregularidades

O BNG enumerou un rosario de problemas denunciados tanto por usuari@s como por persoal sanitario, como o colapso do servizo de urxencias do Hospital de Vigo, as deficiencias no transporte sanitario de ambulancias “onde as empresas concesionarias campan as súas anchas sen control nin nos medios, nin no servizo que prestan”.

Entre as irregularidades, Prado tamén citou a investigación por presunta prevaricación do Sergas na adxudicación do 061 a unha empresa “xestionada por un deputado provincial do PP en Valladolid”, e a investigación a dous altos cargos da Consellería de Sanidade en relación ao homicidio de dúas persoas afectadas pola hepatite C.

A portavoz de Sanidade, que iniciou a intervención cun verso de Rosalía como homenaxe ao 180 aniversario do seu nacemento, concluíu pedindo ao conselleiro que se reúna cos representantes dos e das traballadoras para cumprir os acordos laborais pactado na mesa sectorial en 2008, pero suspendidos coa xustificación da crise.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG