parlamento galego

Rosana Pérez urxe ao conselleiro do Mar a tomar medidas excepcionais para un sector marisqueiro que está “ao límite”

Rosana Pérez
Rosana Pérez

A deputada do BNG insta á Xunta do PP a tomarse en serio o saneamento das rías e a regular o baleirado dos encoros para evitar efectos negativos nas rías

Advirte que centos de mariscadoras afectadas pola falta de produtividade das rías non poderán acceder ás axudas do ISM porque non cumpren os requisitos

A deputada do BNG Rosana Pérez emprazou ao conselleiro do Mar, Alfonso Villares, a tomar “medidas excepcionais” ante a “gravísima situación” que está a sufrir o sector marisqueiro pola falta de produtividade das rías e as toneladas de marisco morto que estes días cobren aínda algunhas praias do País.

Nunha interpelación ao responsable da Xunta do PP, asegurou que o deste ano non é o primeiro episodio “dramático” que se vive no sector marisqueiro, que leva unha década advertindo da baixa produtividade sen que, asegurou, a Consellería aporte solucións. “A Consellería do Mar exemplifica case como ningunha outra a parálise deste goberno, a falta de ideas e tamén a xigantesca maquinaria propagandística que teñen creada”, asegurou.

Rosana Pérez lembrou que no que vai de ano a Consellería achacou os episodios de mortaldade do marisco primeiro ao calor e máis tarde ás choivas, pero sen os necesarios estudios que o avalen e sirvan para recoñecer e diagnosticar o problema . E subliñou, en todo caso, que episodios semellantes xa aconteceron outros anos sen que a Xunta tomara medidas, mentres o sector é cada vez máis reducido.  No 2012, precisou, había 3.954 mariscadores e mariscadoras a pé, e hoxe hai apenas 3.600. Os buques de artes menores, agregou, baixaron de 4.059 a 3.700.

Para poñer énfase na importancia que o sector ten para a economía galega, a deputada do BNG salientou que na actualidade o marisqueo xera en torno a 4.500 postos de traballo directos, arredor dun 64% dos 7.000 de Stellantis ou máis da metade dos de Gadis.

Tras expoñer os datos, reprochou ao conselleiro o “pírrico” crecemento dos orzamentos para o vindeiro ano (un 1,2%), uns orzamentos que, segundo explicou, apenas superan os 214 millóns de euros e que son insuficientes para resolver os problemas que atinxen ao sector pesqueiro e marisqueiro, máxime cando non se executan (no 2022 de 194,1 millóns non se executaron 46,8) ou se recortan programas que permitirían realizar intervencións nas rías.

Rosana Pérez expuxo ante o conselleiro as demandas do sector, que comparte o BNG, e que pasan en primeiro lugar por realizar estudios e investigacións sobre a situación das rías “para ir á orixe do problema e tomar medidas para resolvelo ou cando menos, palialo”. “Non chega con poñer parches puntuais”, denunciou.

Demandou así mesmo unha regulación sobre o baleirado dos encoros co obxectivo de evitar os efectos negativos nas rías e, neste punto, emprazou ao responsable de Mar a exercer as súas competencias porque “un goberno se debe aos administrados, non ás eléctricas”. “A que teñen medo? Por que non establecer o pago de indemnizacións por parte das eléctricas se non cumpren as condicións de baleirado que se establezan?”, preguntou a deputada nacionalista.

Co mesmo espírito, pediu que non se permitan actuacións ou non se dean autorizacións a instalacións que “atentan claramente contra o medio ambiente e contra a calidade das augas”, como a mina de Touro ou a de San Finx, dixo.

Outra das cuestións que pide ao sector, engadiu Rosana Pérez e que “dunha vez” a Xunta tome en serio o saneamento das rías, actuando para eliminar os sentidos. Lembrou que esta é unha actuación que a Xunta do PP comprometeu xa para 2013.

Ante a situación excepcional de “brutal mortaldade” e, polo tanto, de “brutal afectación a miles de persoas” que “están ao límite”, demandou finalmente “medidas tamén excepcionais”  que lles permitan “seguir nese sector” e “seguir vivindo”. Neste punto, advertiu de que centros de mariscadores e mariscadoras non poderán acceder as axudas do ISM porque non cumpren os requisitos.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG