parlamento galego

O PP vota en contra da adquisión por parte da Xunta da Torre e o Pazo de Guimarei

Montse Prado
Montse Prado
Montserrat Prado: “O BNG considera inaceptábel que unhas edificacións históricas desta categoría, nas que a torre, incluso, está representa no escudo do concello da Estrada, estean neste estado de abandono.”

O BNG demandou na Cámara a recuperación e rehabilitación dos terreos e do inmoble do pazo de Guimarei e a súa torre adxacente, sitos no concello da Estrada e que se atopan nun estado de ruína, advertiu a deputada do Bloque, Montserrat Prado.

Prado expuxo o estado actual do inmoble, datado no século XVI, “que na actualidade atópase en estado ruinoso, non só pola vexetación que foi medrando ao seu carón, senón polos roubos que sufriu ao longo dos anos”; unha estrutura que, a pesar da desatención e o desgaste, “aínda está en pé xunto con outros elementos anexos que tamén se atopan nun estado lamentábel despois de décadas de abandono por parte dos seus propietarios”, sinalou.

Os actuais propietarios amosaron un “nulo interese” en consolidar e conservar en condicións dignas ambos elementos patrimoniais e culturais, criticou a parlamentaria do BNG, que remarcou que dito ben é xa BIC dende 1994, “Diante desta situación non coñecemos que por parte da Xunta se teña realizado ningunha actuación diante dos propietarios diante do incumprimento da conservación establecida pola declaración BIC cando o Goberno do PP ten instrumentos para actuar e ten a obriga de facelo”, demandou.

A parlamentaria do BNG aludiu á lei que regula os bens BIC en Galiza, na cal se recolle o suposto de que a administración pública, neste caso a Xunta, “considerará causa xustificativa de interese social para os efectos da expropiación a promoción por parte da Administración pública de actuacións destinadas á posta en valor do patrimonio arqueolóxico co obxecto de facilitar a súa visita pública e desfrute pola sociedade” aludindo ao apartado 4 do artigo 51 da Lei 5/2016.

É por iso que o BNG esixe ao Executivo dos Populares celeridade e “acción” para preservar estas dúas estruturas “polo seu interese patrimonial, cultural, histórico e turístico,  para alén doutros usos sociais e culturais que se lles poida dar, unha vez debidamente consolidados e restaurados”, esixiu Prado.

Neste sentido, a deputada nacionalista valorou o patrimonio “como parte da nosa memoria colectiva, son elementos sobre os que construimos a nosa identidade como pobo, se permitimos que se destrúa perderemos unha parte moi importante do que somos”, enxalzou, fronte un PP “que permite o deterioro e perda do patrimonio galego, que é o mesmo que dicir da súa historia, da súa idiosincrasia, e que pouco bo di de si mesmo”. Esta iniciativa non saíu adiante debido ao voto en contra dos Populares na Cámara.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG