parlamento galego

PP veta a proposta do BNG para reclamar ao estado o traspaso da ordenación e xestión do litoral

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará acusou ao PP de carecer de “credibilidade” e reprobou que o goberno, primeiro con  Feijóo e agora con Rueda, non reclamara en 14 anos “ningunha  transferencia”

Apostou por unha Galiza “en grande” desenvolvendo o seu autogoberno fronte a visión “bonsai e liliputiense” do Partido popular

O PP impediu que prosperara a tramitación para a toma en consideración da  Lei de Ordenación e xestión do litoral, defendida polo deputado nacionalista  Luís Bará para  reclamar a transferencia  dos servizos e funcións da Administración Xeral do Estado a Galiza.

Na defensa da proposta, o nacionalista afirmou que “Galiza precisa gobernar o seu litoral e o seu mar” e criticou que o actual  proxecto de lei do Partido popular, en tramitación no Parlamento galego,  non vai na senda  de acadar  as competencias plenas da transferencia. Bará subliñou que o Partido popular “non reclamou ningunha transferencia en 14 anos” e agora, ao igual que os malos estudantes que ao final  antes  do exame, “o PP bota a andar un proxecto de lei, de maneira apresurada, que non responde aos intereses dos galegos e galegas, nin mellora a súa vida”.

Gobernan o noso litoral dende un despacho de Madrid e cunha visión centralista

Na súa intervención, explicou que a proposición de Lei Orgánica do traspaso das competencias  dos servizos e xestión do litoral basease na “importancia de que Galiza conte coas máximas competencias nesta materia”, ao igual que  outras comunidades como Andalucía, Cataluña, Canarias e Baleares. O noso mar, sentenciou Bará “non se pode gobernar dende un despacho de Madrid, a  600 Km de distancia  e cunha visión centralista e enfoque mesetario”.

Por outra banda, dende o BNG defendemos esta proposta “ante a incapacidade da Xunta” para reclamar as competencias que lle corresponden e afeou que o PP  “despois de 14 anos gobernando, non reclamara ningún traspaso”.

Asemade, a proposta  está enmarcada nunha “axenda de impulso e autogoberno” para facer fronte a unha situación de emerxencia social, económica e medioambiental e desenvolver “todo o potencial que ten Galiza” ante estes grandes retos.

Fronte a concepción do Partido popular  dun territorio “bonsai e liliputiense”, o BNG aposta  por “unha Galiza en grande, viva, xusta e de futuro”, e  nese sentido, vai a nosa proposta.

O PP négase a  pedir a transferencia da xestión do litoral

Os votos en contra do PP impediron  a toma en consideración da lei do BNG para reclamar ante o Estado a transferencia da ordenación e xestión do litoral. O portavoz, popular Alberto Pazos Couñago xustificou o veto do PP porque  que xa hai unha lei do litoral  en trámite no Parlamento galego ao que o nacionalista respondeu que a intervención do popular “foi unha sarta de disparates un tras outro” e tivo que clarificarlle  a diferencia entre as competencias de ordenación do territorio e litoral recollidas no Estatuto e as competencias en materia de “xestión, servizos, funcións, edificios, expedientes, persoal, medios materiais, autorizacións de concesións”, competencias   “non recollidas no Estatuto de Galiza” e que deben ser transferidas.  Esa, recalcou Bará, é a intención da nosa proposta.

O PP, co seu veto, “oponse a que Galiza teña todas estas competencias” e o propio texto da lei do litoral tamén recolle a necesidade de reclamalas porque non vale só contar coas competencias de ordenación do litoral. Dende o BNG, insistiu o deputado  pretendemos  chegar “a un gran acordo de país” para dicirlle ao goberno central, sexa quen sexa a partir do 23 de xullo, que “todos os grupos deste parlamento apoian a transferencia dos medios e das xestións” pero, unha vez máis, o Partido popular vota en contra deste acordo.

Por outro lado, asegurou que o PP xa “non ten ningunha credibilidade” como constatan os feitos, en 14 anos non reclamaron unha soa competencia e lembrou que no ano 2009 o actual presidente, Alfonso Rueda, afirmou que “por culpa do bipartito, Galiza non ten policía autonómica nin competencias en tráfico porque só conseguiu 14 competencias” pero, o balance de Feijóo e de Rueda, retrucou Bará  “foi cero competencias”. Vostedes, recalcou , “son os principais inimigos letais para o autogoberno” e teñen “un balance desastroso en materia de competencias”.

Nesta liña, recalcou que do ano 2009 ao 2023 o PP “vetou as transferencias” e  quen pode presumir de impulsalas en materia de tráfico  é o BNG aínda que logo tamén atopamos o “veto do PP en Madrid” ao igual que fixeron coa transferencia da AP-9.

O deputado nacionalista rematou a súa intervención lamentando o voto en contra do Partido popular do que dixo, manteñen un goberno “desorientado, paralizado en fuxida cara Madrid” e fronte esta parálise, “o BNG propón unha nova Galiza” e o desenvolvemento de todo o seu potencial porque somos un gran País e podemos chegar onde nos propoñamos pero  precisamos “capacidade de decisión sobre o mar e a costa “ para xerar riqueza e mellorar a vida das galegas e galegos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG