O PP rexeita por "cuarta vez" crear a comisión de investigación do accidente de Angrois

Ana Pontón

A deputada Ana Pontón lamentou o voto en contra do PP e a abstención do PSOE para reclamar da Comisión europea facer público o novo informe do accidente do Alvia en Angrois e crear unha comisión de investigación co fin de depurar as verdadeiras responsabilidades políticas do accidente ferroviario

Ana Pontón

A portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón pediu hoxe ao goberno, a través dunha proposición non de lei, demandar que a Comisión Europea faga público o novo informe sobre o accidente do Alvia en Angrois e crear unha comisión de investigación no Parlamento galego para facer “xustiza e coñecer toda a verdade” sobre o sinistro.

A parlamentaria do BNG lamentou o voto en contra do PP e a abstención do PSOE que impediron que prosperara a iniciativa nacionalista.

Tres anos do accidente do Alvia en Angrois con 80 persoas mortas e 140 feridas

Tras dar a benvida á Plataforma de vítimas do accidente do Alvia en Angrois, convidada polo BNG, a deputada lembrou que o vindeiro 24 de xullo cumpriranse tres anos do gravísimo sinistro de Angrois con 80 persoas mortas e 140 feridas. Tres anos, recalcou, “1.095 días en que as vítimas, as persoas que perderon un fillo, unha amiga, unha nai tiveron que manter vivo o pesadelo desa dramática situación pero tamén tres anos nos que tiveron que sobrepoñerse a dor para estar nas rúas, nas portas dos xulgados e nas tribunas dos Parlamentos “reclamando xustiza e que se coñeza a verdade”. O que está pasando coas vítimas do accidente de Angrois dixo Pontón é “unha vergoña”.

Ana Pontón

O BNG pide por cuarta vez que se constitúa unha comisión de investigación

Dende o BNG, engadiu a deputada, sentimos vergoña dun estado que antepón os intereses das empresas que fixeron o AVE á dignidade das vítimas e cunha Ministra de Fomento, que ademais é candidata do PP pola provincia de Pontevedra, que prometeu axudar ás vítimas e o único que fixo foi “entorpecer a investigación xudicial”.

Danos vergoña que as maiorías bipartidistas dos Parlamentos impidan que se constitúan comisións de investigación. Hoxe, “é a cuarta vez que o BNG pide unha comisión de investigación” para coñecer a verdade e depurar as responsabilidades do sinistro.Nós estaremos sempre ao lado das vítimas e da verdade e estaremos ata o final esixindo que os responsábeis asuman o que aconteceu en Angrois.

Fejóo ausente do debate do maior accidente ferroviario da historia de Galiza

A parlamentaria criticou que o presidente da Xunta se ausentara do debate e preguntou se Feijóo sería capaz “de mirarlle aos ollos as persoas que hoxe están na tribuna e que ían no tren para dicirlles que está do seu lado” porque cando tivo esa oportunidade, o que fixo foi “enviarlle aos antidisturbios” na entrega das medallas de Galiza cando as vítimas estaban fora.

Queremos que se faga xustiza e o BNG “ petará na Comisión europea, no Congreso dos deputados, no Parlamento galego nos concellos e institucións”, ata que se tomen as medidas para que un sinistro destas características non volva a suceder.

Ana Pontón

Novos datos que lle dan a razón ás vítimas

Hoxe sabemos que hai máis responsabilidades ca do maquinista e todo o que se fixo dende o accidente foi “unha grande mentira”. Un dos principais argumentos utilizados polo Partido popular para negar a comisión de investigación, explicou a deputada, era que xa existía unha comisión de investigación ferroviaria pero o BNG e as vítimas dixemos que esa comisión non era “válida” por ser “xuíz e parte”. Denunciamos que o presidente da comisión fora directivo de RENFE ata o ano 2004 no que pasou a ser corporativo de seguridade e que mantén vinculacións económicos coa empresa de RENFE Mercancías S.A así como que todos os membros da comisión tiveran vínculos con RENFE, o ADIF e as empresas adxudicatarias das obras polo que resultaba imposible que puideran facer un traballo independente.

O BNG organizou coa a Plataforma de vítimas do Alvia unha visita ás institucións europeas para denunciar a “vulneración normativa na investigación e sabemos que a propia comisión advertiu deste dato xa no ano 2012 e mesmo abriu un procedemento sancionador ao Estado Español porque a CIAF, ten unha composición que incumpre a Lei. Hoxe tamén sabemos que a comisión europea e o propio Estado español recoñecen que a CIAF non tiña validez.

Plataforma Vítimas do accidente de Angrois

Por outra parte, Pontón acusou ao Partido popular e ao Partido socialista de “presionar” á Comisión europea para non facer público o informe, “antes das eleccións”.

De ser efectivas as medidas de seguridade, o accidente de Angrois se podía evitar e ante esa realidade é necesario recoñecer “que as cousas se fixeron mal”, que as vítimas teñen dereito a coñecer a verdade, e que as responsabilidades políticas deben ser dirimidas nunha comisión de investigación no Congreso dos deputados e no Parlamento de Galiza, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG