O PP pon en risco o emprego abrindo a porta á segregación en Ferroatlántica

Ana Pontón cos traballadores de Ferroatlántica
Ana Pontón cos traballadores de Ferroatlántica
O PP pon en risco o emprego abrindo a porta á segregación en Ferroatlántica
  • Feijóo rompe o actual consenso político e cuestiona a legalidade vixente sobre as condicións da explotación do Xallas pola empresa, advirte Ana Pontón

A portavoz nacional, Ana Pontón, deixou clara a posición do BNG en contra de que Ferroatlántica segregue a actividade industrial de da explotación das minicentrais do Xallas porque iso suporía poñer en risco centos de postos de traballo na comarca da Costa da Morte, e así llo trasladou a dirixente do Bloque aos traballadores e traballadoras pechados na casa consistorial do Concello de Cee en protesta polos plans da dirección da factoría.

No encontro co cadro de persoal, ao que tamén asistiu a portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, Pontón denunciou o cambio de actitude do PP, que abre a porta a esa separación ignorando tanto as demandas do cadro de persoal como o consenso político arredor desta cuestión.

“Vemos con preocupación o cambio de actitude do PP”, salientou, “non é entendible que agora o señor Feijóo queira abrir a porta a vender as minicentrais poñendo en risco centos de postos de traballo na Costa da Morte”, indicou, tras engadir que ese cambio “tamén cuestiona a legalidade vixente”.

Ana Pontón e Noa Presas cos traballadores de Ferroatlántica“Hai unha resolución administrativa e unha sentenza xudicial do Tribunal de Xustiza de Galiza que di que non se pode segregar a actividade das minicentrais da actividade industrial de Ferroatlántica”, polo tanto, subliñou, “se Feijóo quere agora abrir esa porta estaría incumprindo a legalidade, poñendo en solfa a súa propia palabra e rompendo todos os consensos e todos os acordos”, denunciou.

Entre eses acordos, unha recente resolución parlamentaria aprobada polo Parlamento a proposta do BNG contra a segregación, secundada por todas as forzas políticas. Neste sentido, Pontón instou a Feijóo a retirar da orde do día do pleno desta semana a proposición non de Lei presentada polo PP na que se aposta por abrir a vía a separación.

“Maña mesmo vaise debater no Parlamento unha proposición non de lei do PP que implica romper eses acordos e dar un paso atrás. O que pedimos desde aquí, recollendo o sentir dos e das traballadoras é manter os acordos que hai en contra da segregación e que Feijóo retire esa proposición porque significa traizoar os intereses dos traballadores e das traballadoras e, no medio prazo, poñer en risco un dos motores económicos da comarca da Costa da Morte.

O BNG salienta que a continuidade da empresa para garantir os postos de traballo é a única razón que xustifica a explotación enerxética do Xallas por parte de Ferroatlántica, segregar significa permitir a especulación dun recurso público e, a medio prazo, a crónica dun peche anunciado.