O PP oponse a que o Estado informe do custe real para o erario público da venda de Novagalicia Banco

O deputado do BNG, Francisco Jorquera tamén reclamou información sobre os resultados de ABANCA e o seu plan de mercar entidades fora do Estado español

Francisco Jorquera

O parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, a través dunha proposición non de lei destinada a coñecer o custe real para o erario público da venda anticipada de Novagalicia Banco, afirmou que a desaparición do sistema financeiro galego produciu “consecuencias ruinosas para Galiza” e cualificou a operación doutro dos “grandes fiascos” que o Goberno de Feijóo deixará en herdanza”.

Por outra parte, criticou que a piques de esgotar a lexislatura segue sen resolver o misterio da comisión de investigación das caixas, tendo en conta os novos datos sobre a evolución do aforro, o volume de depósitos dos bancos e o volume do crédito concedido, polo que instou á Xunta a demandar do Goberno do Estado a información necesaria para coñecer o custe real para o erario público da decisión de vender anticipadamente Novagalicia Banco.

A proposición non de lei defendida por Francisco Jorquera foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular

Francisco Jorquera

Evolución do noso aforro

Na súa intervención, o nacionalista denunciou a “expatriación” do aforro galego e as dificultades de acceso ao crédito. Asemade lembrou que segundo os datos do Banco de España, o volume de depósitos dos Bancos en Galiza foron en Marzo de 2014: 56.601 M€, no mesmo mes do 2015, 56.754 M€ e en decembro do mesmo ano, 57.749 M€, datos que demostran que o volume de depósitos subiu, sen embargo o “crédito descendeu” como evidencian os datos de marzo de 2014 con 47.591 M€, marzo de 2015 con 44.204 M€ e en decembro, 43.020 Millóns de euros. A diferenza entre o volume de depósitos e crédito concedido, explicou Jorquera, xa é de 14.729 M€, “cartos que emigran do noso país para para fornecer crédito noutros territorios”.

Consecuencias da venda de Nogagalicia Banco

O nacionalista lemboru que a venda de Novagalicia Banco “foi unha venda a perdas” cun prezo oficial de 1.003 millóns de euros ao que hai que descontar o custe das coberturas públicas e créditos fiscais dos que se beneficiou o comprador , “non se recuperou un só euro dos 8.981 millóns destinados ao seu sanemento senón que se pagou por colocala”, recalcou Jorquera.

O FROB engadiu o deputado, recoñeceu que a venda ocasionaba unha perdas para o Estado de máis de 8.000 ME e o Plan de Reestruturación aprobado pola Dirección Xeral da Competencia constara que as garantías a favor do comprador ascenden a 2.322 millóns de euros, “unha cantidade moi superior ao prezo oficial da venda”.

O parlamentario concluíu a súa intervención reiterando que fica por aclarar o custe real “para o erario público” da venda anticipadamente de Novagalicia Banco polo que solicitou o apoio dos grupos parlamentarios á iniciativa nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG