parlamento galego

O PP non quere que se investigue o uso “irregular” dos vehículos utilizados por Baltar

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas: "O uso irregular dos vehículos oficiais durante o mandato de Baltar normalizan feitos graves”

A deputada do BNG, Noa Presas defendeu unha proposición non de lei para exixir “unha investigación” e un “informe transparente” do uso dos vehículos oficias durante o mandato de José Manuel Baltar como Presidente da Deputación de Ourense.

Na súa intervención,  indicou que as persoas demócratas e os cargos públicos “temos unha responsabilidade” ética de protexer o valor da “accións política” das institucións. Pero a tenor das últimas informacións sobre as actuacións do Presidente da Deputación de Ourense, o seu proceder é un claro exemplo de utilización irregular dos medios materiais da institución.

Miguel Santalices apela a restablecer o crédito das institucións e os  comportamentos “honestos e exemplares”

A nacionalista afirmou sentirse plenamente representada nas palabras pronunciadas polo Presidente da Mesa do Parlamento galego, Miguel Santalices na constitución da lexislatura ao referirse á “exemplaridade das persoas que exercen cargos públicos como exixencia ineludible, tanto no exercicio das responsabilidades encomendadas como no proceder cotián no ámbito privado”. Ademais, a deputada tamén lembrou que Santalices recalcou a necesidade de “restablecer o crédito social das institucións a partir de comportamentos individuais caracterizados pola exemplaridade, a transparencia e a honestidade”.

Para a nacionalista, o Parlamento galego non pode permanecer alleo ante feitos “graves e inxustificables” que danan gravemente as institucións galegas, a política galega e a imaxe de Galiza no mundo. Por responsabilidade democrática, recalcou, o Parlamento debe pronunciarse a  “favor da exemplaridade dos cargos públicos nas institucións e no uso dos seus medios materiais” de  aí, dixo, nosa reclamación para que a  próxima corporación da Deputación de Ourense “investigue e informe coa máxima  transparencia o uso dos vehículos oficiais por José Manuel Baltar durante os seus mandatos” porque normalizar este tipo de condutas, reiterou a nacionalista,  “só aumenta o descrédito na acción política detrás do que se agochan os trumpismos disfrazados de antipolítica”.

Pillado a 215 Km por hora no coche oficial da Deputación de Ourense

Noa Presas explicou  que o 25 de abril de 2023 o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, “foi interceptado pola Garda Civil á altura de Zamora mentres conducía a 215 km por hora de velocidade” cun coche oficial da deputación. Hoxe tamén sabemos, que todos os ourensán “pagamos a defensa xurídica e as multas” e a maiores, tivemos que escoitar un comunicado do propio Baltar asegurando que fora un “feito illado”. Días máis tarde, soubemos que  non era a primeira vez que superaba a velocidade permitida conducindo o coche oficial, xa que o mesmo vehículo fora sancionado en “dez ocasións por exceso de velocidade dende o ano 2019 ata o presente, sendo identificado en tres dos casos como o condutor”.

Tras o ocorrido, Baltar foi citado a un xuízo rápido e fixo “filibusterismo” para adiar a cita para despois das municipais. Nun primeiro momento, culpabilizaron do exceso de velocidade a un  “chofer xubilado”, a  Deputación de Ourense identificou a filla e a muller dun dos traballadores da deputación, responsable do parque móbil como condutoras dun dos vehículos asignados ao presidente en  expedientes sancionadores por circular a 171 km/h e a 179km/h e que pouco despois unha destas persoas aprobou un concurso-oposición na deputación. Sen embargo,  as irregularidades continúan e  mesmo  vinculan “con mordidas” ao  irmán de Baltar segundo como recollen diversos audios.

O PP resta importancia ao proceder de Baltar porque xa pediu desculpas

Por outra pare, Noa Presas tamén lembrou  que o propio Consello de Contas cuestiona a xestión da Deputación por destinar máis do 80% do orzamento a “contratos a dedo” e máis do 70% ás mesmas empresas.

A parlamentaria do BNG lamentou que o Partido popular, despois de coñecer as irregularidades de Baltar, anunciara o seu voto en contra da iniciativa nacionalista para que a nova corporación da Deputación de Ourense investigue con “con luz e taquígrafos” o  proceder do Presidente da Deputación. O PP restou importancia ao comportamento de Baltar xustificándoo porque xa  pediu desculpas publicamente. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG