Pontón proclama que Xosé Rodríguez é o mellor alcalde que tivo As Neves e que revalidará a confianza da veciñanza cunha maioría reforzada

Presentación As Neves
Presentación As Neves

“Demostrou liderado, capacidade de xestión e que, por riba de todo, está a súa defensa dos intereses dos veciños e veciñas deste concello”, salienta

Destaca o modelo de xestión do BNG, con capacidade de transformar en positivo a vida das persoas e con dinamismo económico, social e cultural

A  portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación de Xosé Manuel Rodríguez como candidato á Alcaldía das Neves nas próximas eleccións locais, do que dixo é o mellor alcalde que nunca tivo este concello e seguirá sendo o mellor alcalde, “pero cunha maioría reforzada cando a veciñanza teña o ano que vén a oportunidade de volver falar nas urnas”.

A líder nacionalista salientou que Rodríguez Méndez ten demostrado “liderado, capacidade de xestión e que sabe estar ás duras e ás moi duras”, -en referencia a ola de lumes que asolou o concello-, defendendo “por riba de todo” os intereses dos veciños e veciñas. “Á fronte dunha equipa de goberno solvente, con ideas e con capacidade de traballo, Xosé demostrou a capacidade do BNG para transformar en positivo e mellorar a vida das persoas desde o goberno municipal das Neves”, incidiu.

Presentación As Neves
Presentación As Neves

Neste sentido, Pontón sinalou ás Neves como exemplo do “bo facer” dos gobernos locais liderados polo BNG que, segundo recalcou, levan no seu ADN a defensa dos servizos públicos e as políticas de igualdade. Son, dixo, sinónimo “de capacidade de xestión, de dinamismo económico, social e cultural, de revitalización do rural e sinónimo tamén de políticas sustentables co medio ambiente”.

Tras subliñar que os gobernos municipais nacionalistas souberon responder ás urxencias dos últimos tempos, especialmente durante a pandemia, salientou que o BNG volve poñerse agora do lado da veciñanza, “que soporta a maior crise de prezos dos últimos 40 anos”.

Así, e ante unha crise que está provocando un aumento da pobreza e da desigualdade, ocasionando que a inmensa maioría dos galegos e das galegas, tamén nas Neves, teñan moitas dificultades para chegar a fin de mes, Pontón criticou que o PP “se dedique a facer agasallos fiscais a unha minoría”, en referencia aos 34 millóns de euros de rebaixa fiscal para as 7.700 persoas con máis patrimonio de Galiza.

“Con ese diñeiro poderíase contratar a 700 médicos e médicas de Atención Primaria nun momento en que hai listas de agarda de até 15 días para poder ter cita presencial, como sabedes moi ben tamén aquí nas Neves, cando reclamades que se acabe coa precariedade do voso centro de saúde e que se vos reforce o persoal sanitario”, apuntou.

Xestionar a favor da maioría social

Fronte a un Goberno do PP ao servizo dunha minoría, a líder nacionalista asegurou que “si é posible gobernar doutra maneira”, tal e como demostra o BNG dende os concellos que lidera, “xestionando con eficacia cada euro a favor da maioría social”.

Nesta liña, puxo o foco nas políticas de apoio aos sectores produtivos, ao tecido empresarial local e ao comercio de proximidade, pero tamén nas políticas sociais e de igualdade, prestando axuda ás familias, á conciliación, ás persoas maiores no fogar,  “fundamental sobre todo en concellos como As Neves, que soporta a perda progresiva de servizos por un PP que ten ao rural no abandono”.

De igual xeito, destacou a capacidade do BNG para desenvolver un modelo sustentable e respectuoso co medio ambiente, como tamén exemplifica As Neves, onde todos os fogares contan con composteiros nas súas casas para facer unha reciclaxe en orixe, e onde o compromiso coa eficiencia enerxética evidénciase nun alumeado de baixo consumo.    

A isto sumou, a recuperación de espazos públicos de calidade ao servizo da xente, polo que salientou a capacidade do municipio para rexurdir, pouco a pouco, da lacra dos incendios, -“un dos maiores problemas ambientais que ten Galiza”-. Igualmente, destacou a recuperación tamén de terras improdutivas impulsada desde o goberno local nas Neves.

Logo de poñer en valor outras iniciativas promovidas polo goberno municipal de Rodríguez Méndez, como o pioneiro e transversal programa O monte nace na escola, pero tamén os éxitos de xestión noutras vilas e cidades lideradas polo BNG, Pontón concluíu que o exemplo dos gobernos municipais do BNG son o mellor escaparate, primeiro, para reforzar e ampliar os executivos nacionalistas no ámbito municipal e, despois, para asumir o reto de darlle por primeira vez ao País un goberno e unha presidenta coas mans libres para construír un futuro mellor.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG