parlamento galego

Aprobada a iniciativa do BNG que reclama indemnizacións para as explotacións afectadas pola ‘covid das vacas’

Mini Rivas
Mini Rivas

Xosé Luís Rivas lamenta o voto en contra do PP para que as axudas cubran tamén abortos e baixadas de produción por mor desta enfermidade vírica

Critica a falta de información sobre unha doenza que en agosto estaba xa as portas do País cunhas condicións climatolóxicas favorables á súa expansión

O deputado do BNG Xosé Luís Rivas defendeu na Comisión 7ª do Parlamento unha proposición non de lei para reclamar a Xunta o establecemento de axudas para as granxas afectadas pola aparición de casos da coñecida como ‘covid das vacas’, a enfermidade hemorráxica epizoótica.

O BNG aceptou unha emenda do PP e o Parlamento aprobou finalmente por unanimidade reclamar á Xunta indemnizacións para aquelas explotacións afectadas por mortes con carácter retroactivo “onde se constate que foron causadas pola enfermidade hemorráxica epizoótica”. O PP non aceptou, neste sentido, a proposta do BNG para que as axudas foran tamén para os casos de abortos ou baixas notables na produción.

A iniciativa finalmente aprobada polos tres grupos inclúe así mesmo instar a Medio Rural a activar charlas informativas nas Oficinas Agrarias Comarcais e nas Agrupacións de Defensa Sanitaria e que se actualice a información na páxina web da Consellería sobre esta enfermidade, da que ata este xoves foran notificados 13 focos en Galiza e a morte de dez animais.   

Na súa intervención, Xosé Luís Rivas advertiu de que, ademais da morte das vacas que pode causar a enfermidade hemorráxica epizoótica, os danos veñen da baixada da produción tanto en leite coma en carne e da posibilidade de abortos e períodos de infertilidade. “Supón -advírtse na iniciativa- un elemento máis que incide negativamente na economía dun sector acosado xa polo prezo dos insumos, a enerxía, os medicamentos ou os fertilizantes”.

Así mesmo, o deputado do BNG destacou o risco de que a doenza acabe repercutindo no consumo e no prezo que se paga ao produtor, posto que “se trata dun sector moi sensible ás noticias dadas de xeito irresponsable”. De aí que outra das súas peticións foi a de impulsar unha campaña informativa nos medios de comunicación para evitar “posibles alarmas e alteracións no consumo de carne, leite e derivados”.

Xosé Luis Rivas fixo fincapé na falta de información coa que os gandeiros e as gandeiras se enfrontan á coñecida como covid das vacas, que, segundo lembrou, xa se detectou a fins de novembro de 2022 en varios puntos da Europa do Sur (concretamente en Sicilia e Córcega e en Cádiz e Sevilla) e que este mesmo mes de agosto xa estaba ás portas de Galiza, sendo Zamora a provincia afectada máis próxima ao País. “A mediados de a agosto houbo xa casos tratados no País, aínda que non declarados”,  

O deputado do BNG criticou que pese ás condicións climatolóxicas favorables (temperatura e humidade) para a cría do vector que transmite a doenza aos animais, os gandeiros e as gandeiras non tiveron a información oficial necesaria da Consellería de Medio Rural.

“Certo que non se trata nin dunha zoonose nin tampouco a mortalidade do vacún é alta -arredor dun 0,47%-, mais en pleno verán, en condicións de humidade e temperaturas favorables ao desenvolvemento do vector e da súa actividade, o mínimo que se podía agardar era un protocolo informativo de actuación preventiva”, considerou, advertindo de que “nin houbo medidas preventivas para evitar que a doenza avanzase nin tampouco para evitar o risco de alarma inxustificadas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG