Olalla Rodil recrimina as manifestacións machistas do alcalde de noia e pide unha resposta inmediata do PP

Olalla Rodil responde ao conselleiro de Educación
Olalla Rodil responde ao conselleiro de Educación
Olalla Rodil recrimina as manifestacións machistas do alcalde de noia e pide unha resposta inmediata do PP
  • A deputada preguntou ao  PP se  considera que o alcalde de  Noia debe seguir no seu cargo despois de proferir “unhas declaracións noxentas e machistas” que atentan contra a igualdade e a dignidade das mulleres

Pleno.- A deputada do BNG, Olalla Rodil cualificou de “fuxida cara adiante” a resposta do vicepresidente Alfonso Rueda por comparar  as declaracións “machistas” do alcalde de Noia con  outros acontecementos  con  protagonistas doutras  forzas políticas. Hoxe, dixo, Rodil, non estamos falando diso, só pido unha resposta sobre si un cargo público pode ostentar esa representación despois de ter realizado o día 8 de marzo esas declaracións, “iso é  o que lles estamos pedindo porque vostedes teñen unha responsabilidade, sobre todo na consellería que vostede dirixe e da que fai parte a secretaria Xeral de Igualdade”.

A deputada preguntou se o PP considera que o rexedor  de Noia pode seguir no seu cargo despois de proferir “unhas declaracións noxentas e machistas” que atentan contra a igualdade e a dignidade das mulleres.

Para a nacionalista, o PP ten capacidade para pedirlle ao alcalde de Noia, Santiago Freire algo máis que unhas simples “desculpas públicas”. Non vale só con retractarse e aparecer logo como “supostas vítimas” polo que reiterou a súa pregunta insistindo en que o Partido popular debe responder de maneira inmediata contra as declaracións “dun representante público no marco dun acto institucional poñendo de volta e media ás mulleres e facendo de novo uso de estereotipos machistas e misóxinos”. Van facer vostedes algo máis que pedir que se retracte publicamente?. Cren que un representante público pode combinar a  loita contra a violencia machista mentres o 8 de marzo fai declaracións machistas?, apostilou.

A parlamentaria explicou que o alcalde de Noia nun acto institucional o Día Internacional das Mulleres afirmou que  as mulleres poden tocar as narices sen achegarse, sangrar sen cortarse ou son moitas a dificultades fisiolóxicas a respecto dos homes o que dificulta que poidan realizar algúns traballos de forza física ademais de que “somos quen de dar a luz sen corrente”. Tras acontecer isto,  dixo Rodil, agora o Partido popular pretendo presentar a Santiago Freire como unha vítima e autor dunhas declaracións desafortunadas,cando en realidade son  as manifestacións “inadmisibles e misóxinas”. Son declaracións que levan implícito , “o feminismo sen etiquetas que pregoa o Partido popular, o machismo rampante que impera na sociedade, a permisividade coa que se actúa ante comportamentos misóxinos revestidos de falso humor e a dupla vara de medir do Partido popular, en función de quen veña o chiste”.

Si é certo que traballamos para acadar unha sociedade diferente eliminando actitudes machistas temos que dar exemplo arrincando de raíz calquera comportamento denigrante. Un responsable político non pode tratar as mulleres de maneira “vexatoria”. A este señor só lle faltou dicir que non sabemos conducir ou que non sabemos aparcar un vehículo. Unha persoa “coa mentalidade machirula como a deste señor non pode traballar pola equidade entre mulleres e homes” polo que lle recomendou buscar onde apuntarse para obter algunha formación en materia de xénero.

A parlamentaria concluíu a súa intervención  preguntando como podemos explicar a mocidade que significa a “violencia invisibilizada” cando non facemos nada, a pesar de ter un claro exemplo nas declaracións de Santiago Freire.