Olalla Rodil: “É o colmo da prepotencia que Feijóo culpe a outros do despropósito do plan de transportes”

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Solicitude urxente de comparecencia da conselleira Ethel Vázquez por parte de todos os grupos da oposición parlamentaria

Olalla Rodil: “É o colmo da prepotencia que Feijóo culpe a outros do despropósito do plan de transportes”

A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, cualificou de urxente a comparecencia da titular de Infraestruturas, Ethel Vázquez, á vista do “despropósito” derivado da proposta de Plan de Transporte “cuxas consecuencias están á vista de todos e todas”.

“É urxente a comparecencia da conselleira ante o despropósito das consecuencias do plan de transportes presentado unilateralmente polo Goberno galego”, indicou, “pero o que xa nos parece o colmo da desfachez é o presidente da Xunta intente responsabilizar a outros do que é a súa propia responsabilidade política”.

Por iso, subliñou Rodil, “teñen que dar a cara porque a situación é insostible e teñen que asumir que esta é unha responsabilidade do Goberno e non é de recibo que Feijóo intente desviar a atención culpando a outros nunha prepotencia política por parte do presidente da Xunta absolutamente inadmisible”.

A mesma prepotencia, indicou, que leva ao xefe do Executivo a negar a evidencia de documentos oficiais nos que se recolle como determinadas empresas externas están sacando partido dun plan de transportes que ten un rexeitamento case unánime.

Ademais, explicou a viceportavoz parlamentaria, o Bloque xa ten reclamado a paralización deste proxecto de Plan de transporte do Executivo “e que se inicie un proceso de negociación con todos os axentes afectados: concellos, -especialmente afectados os municipios do interior e no medio rural-, comunidade escolar, traballadores e traballadoras e empresas do sector e os propios grupos parlamentarios”.

Rexistrada a solicitude conxunta de petición de comparecencia, será debatida na próxima Xunta de Portavoces para que poda substanciarse no vindeiro pleno parlamentario.