xerais 2023

Noa Presas: “Imos quitarlle o último escano ao Partido Popular"

Acto Ribadavia
Acto Ribadavia

A cabeza de lista está segura de que o BNG “vai facer historia” sacando, por primeira vez, representación nacionalista por Ourense

“O escano do BNG en Ourense servirá para frear a dereita e defender os intereses de Ourense” afirma Presas no encontro en Ribadavia

Impulso do transporte ferroviario en Ribadavia co obxectivo de reverter o desmantelamento dos servizos, aumento das pensións mínimas e pago da débeda en materia de dependencia: cuestións que Presas defenderá no Congreso

A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, participa nun encontro coa veciñanza de Ribadavia onde asegurou que Ourense “está máis cerca que nunca de conseguir facer historia sacando por primeira vez representación nacionalista”.  Neste sentido, Presas sinala que a organización nacionalista arrebatará o último escano ao Partido Popular o 23X, tal e como fixo nas galegas de 2020, logrando que o voto dobre ao BNG posibilite frear a dereita e defender os intereses de Ourense. Entre as propostas do BNG, Presas defende a necesidade de impulsar o transporte ferroviario en Ribadavia para fixar poboación na comarca e que o Goberno do Estado transfira a débeda pendente para a dependencia, así como a suba das pensións mínimas.

Durante o acto, ademais da intervención da cabeza de lista do BNG ao Congreso, Noa Presas, tamén tomaron a palabra o candidato ao Senado, Xurxo Rodríguez, e a portavoz municipal do BNG no Concello de Ribadavia, Maite Rodríguez. Ambos coincidiron en que “Ourense está máis preto de facer historia e sacar, por primeira vez representación ao Congreso” e sinalaron que “o traballo incansable de Noa nestes anos no Parlamento é unha pequena mostra do que podería facer en Madrid xunto ao Grupo Galego forte”.

“Queren facernos crer que o escano do BNG por Ourense é imposible mais eu dígovos que imos dar a sorpresa e, como fixemos nas galegas de 2020 arrebatándolle un deputado ao Partido Popular, imos quitarlle o último escano nestas xerais” sinala Presas. Segundo explica a cabeza de lista, o escano do BNG en Ourense servirá “para frear a dereita, mais tamén para defender os intereses de Ourense”.

Entre outras cuestións, continúa a cabeza de lista, o escano do por Ourense “servirá para reclamar maior financiamento por parte do Estado en materia de dependencia, a comezar por pagar a débeda contraída que supera os 2.000 millóns de euros”. De forma paralela, Presas demandará a suba das pensións mínimas, unha cuestión que afecta de forma directa a gran porcentaxe da poboación en Ourense: “seguimos tendo a pensión media máis baixa do Estado, debemos superar tanto a fenda de xénero como a territorial” reivindica.

Conexión ferroviaria en Ourense, tamén en Ribadavia

Por outra parte, comprométese a defender no Congreso unha conexión ferroviaria digna para o interior do País. “É indecente que Ribadavia non conte con liñas e frecuencias ferroviarias que permitan o asentamento de poboación. O servizo actual non permite ir de Ribadavia a Ourense no mesmo día. Hai que reverter esta situación” apunta Presas.

Mais, como lembra a cabeza de lista, esta situación “non é nova” e o bipartidismo clásico “é o culpable do desmantelamento dos servizos ferroviarios”. Fronte a isto, Presas aposta por un tren galego de proximidade e público, que conecte e vertebre todo o territorio sendo útil para a veciñanza. “Isto permitiría que moita xente, como a veciñanza de Ribadavia, se puidera desprazar até Ourense para ir a traballar ou estudar” conclúe.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG