Galegas 2020

Noa Presas aposta por potenciar a comarca do Ribeiro e desenvolver o sector vitivinícola

O Ribeiro
O Ribeiro

A formación nacionalista comprométese a reactivar o Banco de Terras que dinamice a incorporación de fincas particulares e públicas

Presas propón o apoio orzamentario da Xunta de Galiza a partir do 12X para superar estes 11 anos de abandono ao Medio Rural

A candidata do BNG por Ourense, Noa Presas, acompañada por compañeiros de candidatura, visitaron unha adega da comarca do Ribeiro. Presas propuxo unha Lei Galega do Viño que sexa ambiciosa e sinalou a necesidade de potenciar o sector vitivinícola como piar fundamental de desenvolvemento para a comarca do Ribeiro e a circunscrición de Ourense. Asemade, destacou o problema do relevo xeracional e comprometeuse a que a administración pública, a partir do 12X, establecerá mecanismos para facilitar o relevo nesta actividade cun goberno liderado polo BNG.

Durante a visita á adega, Noa Presas estivo acompañada polo número 2 da candidatura, Iago Tabarés; o número 12, Xosé Carballido; e o responsábel comarcal do BNG na comarca do Ribeiro, Xacobe Ribeiro. A formación nacionalista comprometeuse a establecer o apoio institucional  aos investimentos no proceso de industrialización e comercialización, especialmente para as pequenas adegas e a súa internacionalización. Asemade, Presas propuxo a reactivación do Banco de Terras para “facilitar o incremento da base territorial das explotacións, que dinamice a súa intermediación e facilite a incorporación de fincas particulares e públicas”.

“A partir do 12 de xullo é necesario un cambio político que dea un novo impulso a todo O Ribeiro e ao sector vitivinícola. É a hora de deixar atrás problemas estruturais como a falta de medidas para a reestruturación do viñedo ou para a incorporación de novas produtoras” explicou Presas durante a xuntanza. Asemade, engadiu que “é vital” un plan de promoción de novas incorporacións e que a Xunta negocie co goberno central a revisión dos criterios de dereitos de plantación para corrixir as deficiencias actuais.

Por outra banda, as candidatas nacionalistas expuxeron que “neste sector, no que ten que ver cos dereitos de plantación, Galiza está suxeita a decisións que se toman no ámbito estatal e europeo” e valoraron “a necesidade de contar cun goberno galego forte que defenda os intereses dos produtores e produtoras do país nas institucións españolas e europeas”.

O BNG como proxecto para o medio rural e o sector vitícola

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, sinalou que é preciso desenvolver unha política rural que aposte polo sector vitivinícola como un eixo estratéxico para o desenvolvemento Ribeiro. “Somos a formación que ten a solución aos problemas do rural. Temos contrastado o noso proxecto para o medio rural co sector” sinalou Presas.

“É hora de impulsar unha nova Lei Galega do Viño. Unha Lei que sexa ambiciosa e recolla medidas para a incorporación de novos produtores e produtoras e rematar cos problemas históricos que ten o abandono dos viñedos tradicionais” propuxo Presas, candidata por Ourense, mentres indicou que é preciso unha reformulación da Mesa do Viño para adecuala á nova realidade e representatividade.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG