xerais 2023

Néstor Rego: “Cun BNG con máis forza en Madrid, A Mariña terá voz no Congreso con Daniel Castro”

Presentación A Mariña
Presentación A Mariña

O BNG asina o “Manifesto de Xove” co compromiso de defender as medidas para impulsar o desenvolvemento social e económico da comarca da Mariña

Néstor Rego sinala a necesidade de que Lugo conte con representación nacionalista no Congreso, un Grupo Galego forte, que permita desbloquear a Axenda Galega

Daniel Castro, cabeza de lista do BNG ao Congreso, comprométese a defender os intereses da Mariña no Congreso “tal e como defendín no Parlamento de Galiza até o de agora”

O Bloque Nacionalista Galego asina o “Manifesto de Xove” en defensa da Mariña futuro coa presenza do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o cabeza de lista polo BNG en Lugo, Daniel Castro. A frente nacionalista rende contas sobre o traballo realizado durante esta última lexislatura na cámara baixa, pondo en valor os compromisos arrancados ao executivo estatal –como a continuidade da actividade en Alcoa, as emendas da Lei de Pesca- mais comprométese a traballar na seguinte para que o Goberno do Estado asuma os investimentos, sobre todo en materia de infraestruturas, que a Galiza precisa. Así mesmo, adianta a necesidade de que a Galiza conte cun Grupo Galego forte en Madrid, que conte con representación da comarca da Mariña para avanzar na Axenda Galega e na conquista de dereitos e liberdades.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, fai balance do traballo realizado e fixa novos compromisos nunha reunión mantida coas e cos novos concelleiros da frente nacionalista na comarca da Mariña, actividade que tivo sempre como obxectivo a defensa dos intereses da Galiza e das maiorías sociais. “Non houbo problema nin solución que o BNG non tivesen levado ao Congreso durante esta lexislatura” inicia a súa intervención o deputado nacionalista. De facto, a respecto da crise de Alcoa, a frente nacionalista conseguiu sacar adiante resolucións en favor da continuidade da actividade industrial, apoiando as demandas dos traballadores e traballadoras da factoría.

No sector pesqueiro, Rego, tamén pon en valor as emendas introducidas na Lei de Pesca para que o Goberno do Estado estabeleza os mecanismos necesarios para que as e os mariñeiros poidan votar estando embarcados en altura ou gran altura. “Así mesmo, grazas ás emendas do BNG, o executivo, por lei, deberá promover convenios colectivos no sector pesqueiro para garantir as condicións laborais dignas, así como elaborar un catálogo de enfermidades profesionais que atenda, de maneira específica, as condicións de penosidade e exposición a axentes físicos” engade o deputado.

Así mesmo, o BNG fixa os compromisos e obxectivos para a vindeira lexislatura, na que seguirá a traballar para que se atendan as necesidades da Galiza e pola defensa dos intereses da Mariña. Neste sentido, e ante o total desinterese e pasividade demostrado por parte do executivo estatal, o BNG asina o “Manifesto de Xove” para A Mariña do futuro. Un decálogo que asinan as concelleiras, concelleiros, alcalde, alcaldesa e tenentes de alcalde do BNG na Mariña, así como as persoas candidatas do BNG na Mariña para o Congreso e o Senado, a comezar polo cabeza de lista á cámara baixa, Daniel Castro: “comprometémonos a defender estas propostas alí onde teñamos presenza, sendo cuestións básicas para o desenvolvementos económico e social da Mariña” avanza.

Rego sinala tamén que, nun previsíbel escenario sen maiorías absolutas, é necesario un Grupo Galego Forte en Madrid, que utilice os seus votos decisivos para defender os intereses da Galiza e da Mariña “As persoas que votaron o BNG o 28 de maio darían representación ao BNG pola provincia de Lugo. Por tanto, é perfectamente posíbel e estamos convencidos de que o farán, de que volverán a coller a papeleta do BNG sabendo que é o mellor para esta comarca e para esta provincia. Cun BNG con máis forza en Madrid, A Mariña terá voz no Congreso con Daniel Castro” defende o deputado nacionalista.

Impulso da Mesa polas Infraestruturas da Mariña

“A pesar de que o BNG rexistrou numerosas de iniciativas, incluídas emendas para partidas para aumentar o investimento nos Orzamentos do Estado de 2021, 2022 e 2023, para rematar coa discriminación histórica que sofre a comarca da Mariña en materia de infraestruturas, os partidos do goberno non as apoiaron negándose a defender os intereses de Lugo e da Galiza” denuncia o deputado do BNG no Congreso.

A promoción de infraestruturas, elemento fundamental para o desenvolvemento social e económico de calquera territorio, continúan a ser unha materia pendente para esta comarca que, a pesar de posuír enormes potencialidade, arrastra unha discriminación histórica. “A A-74 careceu, durante os sucesivos proxectos de Orzamentos, de investimento e mesmo PSOE e UP rexeitaron as emendas do BNG para dotar de recursos suficientes a construción dos tramos San Cibrao-Burela, Foz-Burela, Foz-O Carme e O Carme-Barreiros” exemplifica.

Da mesma maneira, engade o deputado do BNG, rexistramos distintas iniciativas para mellorar a seguranza viaria da N-634 e a N-642. Con especial atención para esta última estrada citada, xa que tamén se rexistraron iniciativas para o seu arranxo, o máis áxil e rápido posíbel, após o desprendemento de parte da estrada á altura de Burela de camiño a Foz.

Así mesmo, “queremos unha comarca conectada, con infraestruturas propias do século XXI. Por iso aspiramos a remodelar a liña de FEVE que permita frear o progresivo desmantelamento que está a sufrir” reclama o cabeza de lista, Daniel Castro. Alén da modernización da liña e a dotación de persoal suficiente, o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, lembra as iniciativas rexistradas para que o Goberno do Estado estabeleza medidas compensatorias polo material rodante após coñecer as deficiencias atopadas na fase de estudo e deseño e o retraso que suporá a entrega do novo material.

Ademais, para avanzar no desenvolvemento socioeconómico da comarca, engade Rego, a organización nacionalista tamén destacou as iniciativas para a liberalización do dique norte de Morás e a creación da Autoridade Portuaria en San Cibrao. “Unha reivindicación do tecido socioeconómico da comarca que o BNG atendeu e presentou na cámara baixa para xerar un maior dinamismo económico da Mariña sen que a súa creación provocase un gasto económico para a Administración” subliña.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG