Montse Prado: “ O PP deixou morrer doentes de hepatite C por razóns económicas"

A deputada nacionalista, Montse Prado tildou de “psicópata” ao Partido popular por votar en contra de subministrar os tratamentos a doentes prescritos por hepatite C, “baixo criterios políticos e economicistas”

Montse Prado

Trala comparecencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Almuíña para informar da situación dos pacientes a tratamento por hepatite C, a deputada do BNG, Montse Prado lamentou que o conselleiro na súa intervención “insultara ás familias e doentes” afirmando que actuaron demagoxicamente e manipulando os mortos.

Respectar e considerar aos doentes, engadiu, é atender as súas necesidades, algo que o goberno que vostede representa non fixo e o máximo responsábel da Xunta “non ten a valentía de vir ao Parlamento a dar conta da súa actuación”.

Para a deputada, o titular de sanidade na súa comparecencia “minimizou os feitos e tentou xustificar o inxustificable” e non asumiu “ningunha responsabilidade” nin mostrou un atisbo de “arrepentimento ou desculpa”. A súa intervención, recalcou a deputada, “retrata a este goberno” e tamén súa “nula catadura moral”.

A parlamentaria cualificou de goberno de “psicópatas” ao goberno de Feijóo, porque a pesar de seren conscientes do dano que inflixen, seguen adiante. O presidente da Cámara, Miguel Santalices pediu a deputada que retirara a expresión “psicópata”, solicitude que a nacionalista rexeitou e mesmo reiterou que os deputados e deputadas do Partido popular sabendo que a súa actuación impedía que as persoas recibiran o tratamento, “votaron igualmente en contra”, mentres o goberno do PP seguía “mirando para outro lado.

A nacionalista explicou que o BNG defendeu na Cámara galega que @s doentes de hepatite C accederan á terapia dos novos fármacos a través das farmacias, prescritos polos médicos especialistas do Servizo Galego de Saúde de “xeito inmediato” pero os parlamentarios e parlamentarias do Partido popular “votaron en contra”.

Proceso xudicial contra dous cargos da Xunta por presunto homicidio imprudente e prevaricación

Vostede, dixo a nacionalista, nin sequera estaba alí e hoxe ven “sacando peito” construíndo un relato falso cando a realidade é que dous cargos da Xunta “saltaron o protocolo e morreron doentes”. O partido popular aplicou “recortes”, primeiro aplicando criterios políticos e logo criterios médicos.

Intervención da deputada do BNG, Montse Prado

Por moito que se esforcen, remarcou a deputada, o seu relato é “mentira” deixaron “morrer a persoas por razóns económicas” e agora é a Fiscalía quen o ratifica. Por primeira vez no Estado español iníciase un proceso penal contra unha administración sanitaria por posibles delitos de homicidio e prevaricación contra Félix Ruibal, director de Asistencia sanitaria e Carolina González, subdirectora Xeral de farmacia, dous cargos da Xunta que foron os executores da decisión tomada por Núñez Feijóo, a ex-conselleira e por vostede que hoxe ven aquí a dicir o que lle contaron cando a súa responsabilidade é cesar aos responsables.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG