Montse Prado pide melloras salariais para o persoal do SERGAS, o terceiro peor pagado do Estado

Prado acusa ao Consellería de “roubarlles” aos traballadores da sanidade pública e reclama á Xunta retomar o acordo de 2008 paralizado polo PP

“Chámanlle democracia, pero non o é cando ten tanto de imposición”, alega

Montse Prado pide melloras salariais para o persoal do SERGAS, o terceiro peor pagado do Estado

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, denunciou no Parlamento que o persoal do SERGAS está á cola do Estado en canto ás prestacións salariais e demandou do Goberno da Xunta que se sente a negociar para retomar e aplicar os acordos asinados en 2008 na mesa sectorial de Sanidade, acordos suspendidos unilateralmente coa chegada do PP ao Executivo.

“Estamos a ver que de democracia hai pouco e moito de imposición e de vulneración de dereitos fundamentais, e os traballadores da sanidade pública son parte dos e das damnificados polos modos pouco democráticos do PP”, denunciou Prado,  “néganse nin sequera a sentarse a negociar para pactar un cronograma de aplicación deses acordos, chamaranlle democracia, pero non o é”.

O acordo de 2008 prevía equiparar en tres anos as condicións do cadro de persoal do SERGAS con resto do Estado e co resto da Administración galega, “pero chegou o PP e mandou parar coa escusa da crise”, lembrou Prado durante o debate da proposición non de lei presentada na Comisión de Sanidade para mellorar as condicións laborais do cadro de persoal da sanidade pública, rexeitada polo PP.

“Levan oito anos impedindo que se cumpran acordos asinados en mesa sectorial”, salientou a deputada, quen botou man do recente informe publicado polo Ministerio de Sanidade “no que se indica que Galiza é a terceira pola cola entre as que peor pagan ao persoal da sanidade pública. Por iso reclamamos que se inicien de xeito inmediato a negociación co cadro de persoal”, reiterou.

“Sen rubor lles digo que, de xeito sistemático, estanlles roubando o salario aos traballadores e traballadoras do SERGAS, por iso, o menos que podemos pedir desde o Parlamento e que a Xunta de se sente a negociar para mellorar as condicións salariais”, reclamou Prado, quen pechou a súa intervención cunha petición ao PP: “Rectifiquen porque o ben máis prezado que ten a sanidade pública son os e as traballadoras”.