Montse Prado pide a mediación da Xunta para manter todos os postos de traballo do Popular-Pastor

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado pide a mediación da Xunta para manter todos os postos de traballo do Popular-Pastor

A parlamentaria do BNG, Montse Prado vén de rexistrar unha  batería de iniciativas destinadas a reclamar a mediación do goberno galego  para retirar o ERE do Banco Popular-Pastor/ Santander e impedir a perda da marca da entidade en Galiza e  postos de traballo.

Na proposición non de lei, a deputada propón que o  Parlamento galego amose o seu apoio ao  cadro de persoal do Grupo Banco Popular-Pastor/Santander na súa oposición ao ERE de extinción de postos de traballo en Galiza, e na defensa do mantemento dos postos de traballo e dos servizos que presta a entidade no noso país.

Asemade, reclama instar á Xunta a  manter “unha posición activa de mediación” entre a dirección do Grupo Banco Popular-Pastor/Santander e as traballadoras e os traballadores afectados para que o ERE en Galiza sexa retirado e se abra “unha vía de negociación”.

Prado pide  empregar todos os mecanismos que posúe o goberno galego para frear esta “proxectada destrución de postos de traballo” e realizar todas as actuacións precisas para manter en Galiza a marca Banco Pastor como “marca diferenciada”,  en base ao seu  arraigo e recoñecemento, “imprescindíbel para o mantemento do emprego”.

Por outra parte, a parlamentaria tamén interpelará ao goberno galego para coñecer que actuacións leva realizado ante o ERE  presentado polo  Grupo Banco Popular- Pastor e Santander e  que pode supoñer a perda de arredor de 400 postos de traballo en Galiza, a avaliación sobre as consecuencias deste ERE e se foi remitida á Xunta a información por parte dos responsables da entidade bancaria.

Finalmente, Prado preguntará se o Goberno ten previsto involucrarse para impedir unha nova destrución de emprego no sector financeiro galego.