Montse Prado demanda a contratación urxente de máis persoal para urxencias do Hospital de Vigo

MONTSEPRADO PARLAMENTO2
Montse Prado

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, reclamou á Xunta no Parlamento a contratación inmediata do persoal necesario para acabar coas deficiencias e o reiterado colapso no servizo de urxencias do Hospital de Vigo, que presta asistencia a un poboación de 600.000 persoas. “Esta mesma mañá as 7:00 horas había 27 persoas en urxencias pendentes de ser ingresadas”, indicou.

A  deputada do Bloque fixo referencia ás reiteradas denuncias dos e das traballadoras desde a posta en funcionamento do Álvaro Cunqueiro “en sede xudicial, ante a  fiscalía, ante a xerencia, nos medios de comunicación, profesionais que saben ao que se arriscan denuncian a situación de deterioro continuo da calidade asistencial”, explicou Prado.

A falta de persoal é, para o Bloque, a causa principal dos problemas que sofre o servizo de urxencias do hospital vigués.

“Afecta a todas as categorías, non se cumpren as ratios recomendados en camas de observación xa que o persoal de enfermería asume ata 15 doentes por traballador e traballadora cando o máximo recomendado é de 6 doentes, a sala central é un auténtico aparcadoiro de doentes esperando diagnóstico, na sala de consultas non hai auxiliares na quenda da noite, mal funcionamento dos circuítos de probas asistenciais e diagnósticas”, enumerou a deputada como parte das deficiencias.

O BNG seguirá reivindicando maior dotación de persoal para o Alvaro Cunqueiro, pese a reiterado veto parlamentario que impón o PP ás iniciativas nacionalistas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG