Mini Rivas reclama garantías para que as familias da urbanización a Barcala non paguen máis caro o gas

Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas "Mini"

Denuncia que as maneiras “prepotentes” de Gas Natural “son máis propias dun Estado totalitario que dunha democracia”

Mini Rivas reclama garantías para que as familias da urbanización a Barcala non paguen máis caro o gas

O deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, demandou da Xunta garantías para que as familias da Urbanización A Barcala no Concello de Cambre non terminen por pagar máis caro o subministro do gas, e todo en base á decisión unilateral da compañía Gas Natural de cambiar o servizo de combustible propano a gas cidade, o que motivou unha mobilización por parte da veciñanza afectada.

Ata agora as familias usuarias viñan pagando unha media de 30 euros cada dous meses, cantidade que podía acadar os 80 euros nos meses de uso da calefacción. Co cambio que propón a compañía, o custe do servizo elevaríase a un mínimo de 80 euros a factura básica multiplicando case por tres a factura enerxética. A este elevado incremento hai que sumar o feito de que a compañía quixo levar este cambio sen dialogar coa veciñanza.

“As maneiras prepotentes usadas pola compañía de Gas Natural son máis acordes cun Estado totalitario que cunha democracia”, criticou Rivas, tras denunciar a “lesión” que supón o cambio que se lle quere impoñer á veciñanza.

“Hai unha parte lesionada, hai unha parte que paga o pato e quen paga o pato son os veciños e as veciñas que protestan, e con razón, e por iso desde o BNG preguntamos que resposta vai dar a Xunta contra este aumento, porque estamos falando de subas de ata sesenta euros que para moitas familias son un custe adicional que non poden soportar”, indicou Rivas, quen ademais fixo referencia “á reparación que merecen as persoas cando se senten mofadas”.

O deputado nacionalista pola Coruña lamentou que por parte da Xunta o director xeral de Industria, Bernardo Tahoces, se adicase a tirar balóns fora na Comisión parlamentaria de Industria, sen concretar medida algunha en relación ás demandas das familias afectadas, máis aló de escudarse tras a legalidade, “ninguén dubida da legalidade das decisións de Industria que publican no DOG, só faltaría, pero con iso non se responde á veciñanza da Barcala”, alegou.