Galegas 2024

Luís Bará propón unha nova gobernanza da auga para Galiza cun modelo propio que favorecerá a xestión comunal

Mos
Mos
O cabeza de lista do BNG reúnese en Mos con comunidades de augas afectadas polo proxecto da cidade deportiva ás que recoñece o seu traballo “na xestión sustentable da auga fronte aos intereses especulativos”

O goberno do BNG potenciará dende a Xunta unha nova gobernanza da auga cun modelo propio para Galiza no que favorecerá a xestión comunal para a mellora e modernización das redes de abastecemento e saneamento. Así o manifestou hoxe o cabeza de lista Luís Bará nun encontro en Mos con representantes das comunidades de traídas de augas afectadas polo proxecto de cidade deportiva do Celta (Casal-Tameiga, Baxiña, Tameiga-Petelos e Sanguiñeda), coas que fixo unha visita aos mananciais da zona.

Bará destacou que, tendo en conta a dispersión poboacional e a cantidade de núcleos existentes en Galiza, é preciso desenvolver un modelo propio de país para o ciclo da auga. Aí, dixo, é onde deben entrar as comunidades de augas e as pequenas infraestruturas de abastecemento –como os humedais artificiais- que se deben combinar no plan de investimentos galego coas grandes infraestruturas centralizadas para zonas urbanas. Puxo como exemplo un modelo de éxito que xa existe, o de COXAPO, a organización das comunidades de augas na zona sur da provincia, fundamentalmente de Tomiño, potenciado dende o goberno municipal.

Salientou que é necesaria a creación do Consello galego e dos consellos territoriais para o uso sustentábel da auga, e o fomento a creación de consorcios e mancomunidades públicas de xestión directa, cun recoñecemento pleno das comunidades de auga e o fomento do seu funcionamento e mellora.

O cabeza de cartel, coñecedor dos problemas para os mananciais comunitarios en Mos ante o proxecto da cidade deportiva, destacou que dende o Bloque “recoñecemos o traballo das comunidades de auga na defensa dos intereses do monte e da xestión sustentable fronte aos intereses especulativos”.

Destacou que a auga é un ben escaso e que é preciso facer un grande esforzo na aposta pola protección dos recursos, cunha boa base de información sobre as reservas de auga superficiais e subterráneas, para conservar a súa calidade, priorizando sempre solucións baseadas na natureza e as infraestruturas verdes.

Destacou que o BNG dende a Xunta desenvolverá unha Estratexia Galega da Auga e un Pacto Galego pola Auga que, entre outras cousas, incluirán estudos sobre as reservas de auga, así como da súa protección e do impacto das actividades económicas que poidan afectalas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG