Jorquera empraza a que os deputados galegos do PP rexeiten no Congreso o Decreto das Preferentes

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, emprazou hoxe a Feijoo a que lle pida aos deputados galegos do PP no Congreso que voten en contra do decreto aprobado o venres polo Goberno de Rajoy que impón que os miles de galegos afectados polas preferentes teñan que perder até o 70% dos seus aforros.

Francisco Jorquera fixo estas declaracións esta mañá en Salceda de Caselas, onde asistiu á Festa dos Callos. Canda el estiveron o alcalde da localidade, Marcos Besada, así como outros alcaldes do BNG, como a de Tomiño, Castrelo de Miño, portavoces municipais do BNG e os deputados Henrique Viéitez e Carme Adán.

Críticas á carga policial contra os afectados polas preferentes en Soutomaior

Jorquera contrapuxo que se “o señor Feijoo dixo onte en Soutomaior que Galiza non lle fallará ao PP, eu digo hoxe que o BNG non lle fallará a Galiza, porque a sociedade galega o que reclama é forzas políticas que poñan por diante os intereses da sociedade, de Galiza, antes que os intereses de partido”.

Neste sentido, subliñou que “nas participacións preferentes temos un exemplo: ao mesmo tempo que Feijoo facía estas manifestacións a policía cargaba contra as vítimas desta estafa masiva”.

Uns feitos que para o candidato do BNG á presidencia da Xunta corroboran unha vez máis que “o señor Feijóo neste tema de novo mira para outro lado, de novo actúa máis como un comentarista antes que como un gobernante, pretendendo eludir as súas responsabilidades”.

Jorquera denunciou que “o Goberno central o venres aprobou un decreto que significa legalizar unha dobre expropiación a todos os contribuíntes que terán que pagar con recursos públicos o saneamento da banca privada en forma de novos e brutais recortes; e a expropiación aos pequenos aforradores que foron vítimas da estafa masiva que se chama participacións preferentes e que ven co Decreto aprobado o venres ue poden perder até o 70% do diñeiro invertido”.

Emprazamento aos deputados galegos do PP a que voten en contra no Congreso

A este respeito, o candidato do BNG á presidencia da Xunta emprazou “ao señor Feijóo a que defenda os intereses da sociedade galega, das ducias de miles de pequenos aforradores que en Galiza foron enganados á hora de subscribir este produto”.

“Por iso, demándolle que inste ao Goberno Central a que derogue este decreto e que os deputados galegos do PP no Congreso, incluído o señor Collarte, voten en contra deste decreto, como fará o BNG, porque o BNG sempre pon por diante os intereses de Galiza”, concluíu Jorquera.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG