Cargos públicos de concellos afectados pola AP-9 esixen a transferencia e a supresión progresiva das peaxes

Ana Pontón e cargos públicos do BNG
Ana Pontón e cargos públicos do BNG

Ana Pontón cualifica de “tomadura de pelo” que Rajoy veña  a inaugurar unha ponte que “pagarán todos os galegos e galegas a través de peaxes abusivas” e pide que se cancele o acto de inauguración

Cargos públicos de concellos afectados pola AP-9 esixen a transferencia e a supresión progresiva das peaxes

No acto celebrado hoxe en Pontevedra ao que asistiron  un grande número  de  cargos electos dos concellos afectados pola AP-9 e cargos institucionais do BNG,  a portavoz nacional Ana Pontón criticou que Núñez Feijóo e o Partido popular en Galiza  segan defendendo os “intereses de AUDASA e de  Rajoy” como demostraron, dixo,  na última sesión plenaria ao votar en contra da proposta para  reclamar a paralización   da suba das peaxes.

Pontón cualificou esta suba  de “agravio a Galiza” e o BNG, recalcou,  seguirá defendendo unha autoestrada “pública”. Neste sentido, anunciou a presentación de mocións nos concellos e iniciativas parlamentarias na senda de seguir reclamando “a transferencia da infraestrutura  e a supresión progresiva das peaxes”.

A nacionalista lembrou que son moitos os sectores económicos afectados polas peaxes pero tamén de maneira individual dos usuarios e usuarias  polo que non descartou outro tipo de protestas e presión social “mancomunada con diferentes ámbitos económicos, sociais, políticos e sindicais”.  Non podemos ser a “muleta que precisa Rajoy para impoñer o abuso e a nova suba peaxes” e que representan  “o dobre da media do Estado.

A dirixente do BNG avogou por: “paralizar as peaxes, levantar o veto á transferencia e iniciar as acción necesarias para rescatar a AP-9 para que volva a ser pública”, porque  sería a mellor maneira de frear “esta estafa”.

Por outra parte, lembrou que foi un goberno de Aznar quen decidiu ampliar a concesión até 2048 e vendela a prezo de saldo por 1.500 millóns de euros. “ 1500 millóns dos que non vimos nin un só euro en Galiza”.

Os  galegos e galegas tamén temos que saber  que desde que Rajoy é presidente as peaxes na AP-9 subiron un 36%, “catro veces máis que IPC”  mentres Rajoy nos sube as peaxes da AP-9 un 4%,  “rebáixalle os impostos a Audasa un 5%”. Isto significa que  nos dous últimos anos, “Rajoy e Feijóo ,perdoáronlle  4 millóns de euros en impostos  á concesionaria”.

RAJOY INAUGURA UNHA PONTA QUE PAGAREMOS TODOS E TODAS AS GALEGAS COAS  PEAXES

A preguntas dos xornalistas sobre a visita de Mariano Rajoy a Galiza, o vindeiro sábado, para inaugurar a ampliación da ponte de Rande, a portavoz do BNG cualificou o feito de “tomadura de pelo”. Esa ampliación, insistiu Pontón, non a pagará nin Ana Pastor, nin Rajoy nin Feijóo. “Pagarémola todos e todas as galegas coas peaxes a AUDASA e por  respecto a todos os usuarios e usuarias da AP-9, o PP debería cancelar esa inauguración”.  No caso de  inaugurala, que o fagan as persoas que a van pagar que somos todos os galegos e galegas a través das peaxes, concluíu a portavoz do BNG.