parlamento galego

BNG urxe ao goberno a crear a Unidade de Muller e saúde para a atención integral da saúde das mulleres

Olalla Rodil e Montse Prado
Olalla Rodil e Montse Prado

Na presentación da proposta do mes de abril, dentro da  campaña 8M 365, Olalla Rodil afirmou que a campaña do BNG se prolongará ao longo do ano porque os dereitos das mulleres “non se reivindican nin se conquistan nun só día”

Montse Prado denuncia as desigualdades de xénero na diagnose, tratamento e abordaxe clínica nas enfermidades das mulleres

As deputadas do BNG, Montse Prado e Olalla Rodil presentaron a proposta para o mes de abril dentro da campaña 8M 365, a través dun Mupi situado nunha céntrica rúa compostelá baixo o lema “TARDE, MAL OU NUNCA. Así é a diagnose e tratamento de centos de enfermidades para as mulleres”.

Na presentación da proposta,  a portavoz de sanidade, Montse Prado urxiu ao goberno  galego a crear  “unha Unidade de Muller e saúde”, dependente da Consellería de Sanidade que permita impulsar a perspectiva de xénero  e “unha estratexia” para atención integral á saúde das mulleres co fin de “ eliminar as dificultades das mulleres á hora de acceder ao sistema sanitario”.

Prado sinalou que a atención integral da saúde das mulleres exixe impulsar a formación de xénero nos e nas  profesionais comezando dende a facultade, e lembrou que o BNG xa formulou diversas propostas na Cámara galega para crear unha unidade de endometriose, plans específicos de detección precoz e campañas de divulgación. Por outra parte, tamén  fixo fincapé  no lema da campaña, “tarde, mal ou nunca” do que dixo “non é ningunha esaxeración” porque corresponde á realidade que viven miles de galegas que demandan  recibir atención e asistencia sanitaria.

Para a deputada, o patrón sanitario continúa sendo “masculino” na investigación, diagnose,s tratamentos e elaboración e fármacos. Neste aspecto, explicou que as diferencias entre homes e mulleres non se reducen ao sistema reprodutivo, existen outras hormonais, biolóxicas ou inmunolóxicas que deben ser tratadas de maneira específica porque as mulleres  “enfermamos de maneira diferente e con enfermidades distintas” e tamén con  diferentes reaccións ao fármacos.

A pesar de estaren no século XXI, os diagnósticos continúan sendo tardíos, entre os que destacou a endometriose e fibromialxia. Os diagnósticos sobre endometriose seguen demorándose entre oito e dez anos a pesar de que  60.000 mulleres galegas padecen esta doenza. Ademais, engadiu,  ocorre algo parecido cos infradiagnósticos  nas  enfermidades cardiovasculares, primeira causa de morte entre as mulleres. Esta situación, dixo, agravase cos tratamentos aplicados aos homes,75% fronte ás mulleres, o 25%.

Por outra banda, tamén criticou os sobrediagnósticos en enfermidades mentais nas que as mulleres reciben o 85% de psicofármacos e a insuficiencia na investigación de doenzas que afectan fundamentalmente as mulleres tras a aparición da COVID. “A maior parte desa investigación careceu de enfoque de xénero nas consecuencias da COVID 19”, asegurou.

Monte Prado reiterou que urxe crear unha “Unidade de Muller e Saúde” que “planifique, coordine e impulse as estratexias na investigación, diagnose, tratamento e a abordaxe clínica” para eliminar as desigualdades no ámbito sanitario.

Propostas  ao longo do ano para reivindicar a igualdade, "día a día"

Olalla Rodil explicou que o BNG decidiu prolongar a campaña 8M 365 con propostas ao longo de todo o ano porque a “igualdade non se reivindica e conquista nun só día” e somo conscientes, recalcou  que os dereitos das mulleres e políticas feministas deben ter presencia no noso traballo e acción “todos os días do ano”.

Comezamos no mes de marzo denunciando a fenda salarial e as discriminacións por razóns de xénero que aínda soportamos as mulleres no ámbito laboral. Naquel momento anunciamos o impulso dunha Proposición de lei de creación da Valedoría da Igualdade que xa rexistramos no Parlamento e á que o Goberno do Partido Popular na Xunta respondeu pedindo á Cámara que non a tramite argumentando que están traballando nunha lei de igualdade que prometeron hai dous anos e que aínda non rexistraron.

En todo caso, engadiu a nacionalista, o BNG vai seguir adiante e defenderemos  “a nosa lei”  para  crear ese organismo autónomo que  defenda os dereitos das mulleres no sector privado, especialmente no laboral.

Este mes de abril decidimos centrar as reivindicacións no ámbito sanitario. Onte foi o Día Internacional da Atención Primaria , explicou Rodil, e desde o BNG queremos pór o foco na situación na que se atopa a sanidade pública galega e en  maior medida,  a que afecta ás mulleres, e de maneira especial cando nos referimos a doenzas propias das mulleres que tardan en ser diagnosticadas e tratadas.. Para acabar con esta situación, propomos dotar a sanidade pública dos recursos necesarios, especialmente á Atención Primaria, e crear unha Unidade de muller e saúde, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG