Galegas 2024

BNG traslada as propostas en materia deportiva aos club deportivos de Ourense

Encontro deporte
Encontro deporte

Noa Presas mantén unha reunión para explicar as principais actuacións dun goberno galego liderado polo BNG en materia deportiva

Potenciar o deporte en idade escolar, impulso da Lei de Igualdade no Deporte incorporando a Comisión Galega de Igualdade no Deporte e mellora das infraestruturas deportivas: entre as medidas destacadas do BNG de cara ao 18-F

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, acompañada polo número 2 da candidatura, Iago Tabarés, e representantes institucionais da formación nacionalista manteñen unha reunión con representantes de diferentes club deportivos de Ourense. O obxecto da reunión foi trasladar as principais medidas que a organización nacionalista defende de cara ao 18F e avanzar, máis unha vez, o seu compromiso co mundo do deporte.

Colaboración institucional, financiamento e infraestruturas

“Defendemos impulsar a colaboración cos concellos para implantar un modelo que vertebre as actuacións conxuntas en materia deportiva para garantir a existencia de escolas deportivas municipais e a participación dos centros de ensino no deporte en idade escolar e ampliar a rede de base” afirma Presas. Así mesmo, un goberno liderado polo BNG “defenderá o traspaso da xestión dos fondos públicos e as subvencións en materia de fomento deportivo e infraestrutura deportiva destinados ao noso País, transferindo directamente os fondos do Consello Superior de Deportes, co fin de garantir unha maior eficacia e equidade na súa distribución”.

Alén do máis, a organizaicón nacionalista comprométese a implantar un plan coordinado de instalacións e infraestruturas deportivas públicas que elimine duplicidades e que teña en conta a demanda real da actividade deportiva. “Queremos elaborar o Rexistro e o Plan de Instalacións Deportivas de Galiza, dacordo co previsto na Lei do deporte de Galiza” sinala Presas. Así mesmo, exemplifica a mala xestión da Xunta de Galiza co deporte ourensá no caso da reforma do Estadio do Couto que, actualmente, continúa se estar totalmente operativo por causa da mala planificación e os retrasos.

Igualdade e inclusión no deporte, tamén no de base

A organización nacionalista defende “potenciar o deporte en idade escolar dentro dos centros de ensino, así como impulsar a igualdade na actividade deportiva, rexeitando a visión androcéntrica que dificulta a participación das mulleres e facendo un especial esforzo na súa incorporación á práctica e á competición deportiva”. Neste sentido, a cabeza de lista avanza que promoverán unha lei de igualdade no deporte na que se incorpore a creación da Comisión Galega de Igualdade no Deporte para a proteccións das deportivas sobre ataques machistas e lgtbfóbicos, entre outras medidas como o Observatorio Galego da Igualdade no Deporte, protocolos específicos, plans de conciliación familiar e fomento da visibilidade do deporte feminino nos centros educativos e nos medios audiovisuais.

Por outra parte, o BNG procura implantar programas deportivos, tanto lúdicos como competitivos, para persoas con diversidade funcional, fomentando a integración en todos os eventos deportivos que se desenvolvan no noso territorio.

Galiza: marca de calidade no eido deportivo

“Un goberno do BNG asegurará a participación das seleccións deportivas galegas en competicións internacionais e a representación das federacións deportivas galegas nos organismos deportivos internacionais de forma directa” comprométese Presas. Ademais, procurarán fomentar a creación e o fortalecemento de clubs deportivos galegos profesionais de referencia en modalidades deportivas que contan cunha gran base practicante, que sirvan de estímulo e espello a crianzas que se inician na práctica deportiva.

Por outra parte, comprométense a potenciar os centros de alto rendemento deportivo, que proporcione ao noso país de servizos de tecnificación deportiva avanzada e axustada á realidade galega   evitando en grande medida a emigración de deportistas.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG