O BNG responsabiliza á xunta de deixar Galiza como “mera espectadora” no debate de financiamento

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas reclamou ao Goberno que presente no Parlamento unha proposta para iniciar o debate político dun tema clave para o futuro do país

O BNG responsabiliza á xunta de deixar Galiza como “mera espectadora” no debate de financiamento

 

O BNG ten clara a súa proposta para un novo modelo de financiamento para Galiza, -un concerto económico con plenas competencias en materia fiscal e de recadatoria-, pero levou ao Parlamento unha moción para iniciar un debate político no que todas as forzas da Cámara participen e se pronuncien sobre un tema que é cuestións crucial para o país.

A punto de finalizar este período de sesións sen coñecer cal é a alternativa do Goberno galego, a intención do Bloque era arrancar en firme o debate no Parlamento  e, como denunciou a portavoz de Economía Noa Presas, “evitar que Galiza quede como mera espectadora do que se fala en Madrid que é o único que está conseguindo a Xunta coa súa falta de iniciativa política”.

Presas salientou que o debate sobre o futuro modelo de financiamento, “aprazado interesadamente polo PP desde 2014”, non pode despacharse enviando un experto a unha comisión creada polo Goberno central.

“Estamos ante un debate político, non é un debate técnico”, recalcou, algo que quedou constatado de novo na tramitación dos orzamentos do Estado, no que Euskadi volveu mellorar a través dunha negociación política o seu sistema de financiamento, argumentou.

“Volvemos traer este asunto ao Parlamento ante a indiferenza, a pleitesía ao Goberno central e a despreocupación que mostran o PP e a Xunta por buscar puntos de consenso nun tema clave para o país”, argumentou Presas durante a defensa da iniciativa do BNG que demanda do Executivo de Feijóo á remisión á Cámara da proposta oficial do Goberno galego antes de finalizar este período de sesións.

A parlamentaria do BNG recalcou que non se trata “dun debate da abstracción”, senón de cuestións tan concretas como os recurso cos que disporá Galiza para financiar os servizos públicos, insuficientes co actual modelo, ao tempo que lembrou que a proposta nacionalista do concerto económico aportaría 3.500 millóns de euros adicionais ás arcas públicas.

“Despois de ter asistido ao espolio enerxético e financeiro deste país, o BNG considera vital sentarse a falar do novo modelo de financiamento que precisa Galiza, agora insuficiente para sufragar os servizos públicos, cun gasto autonómico ferreamente controlado desde Madrid mentres a Administración do Estado gasta ao seu albedrío”, salientou, tras criticar o “forte centralismo” do actual modelo de financiamento. “O BNG non acepta este reparto dos recursos”, concluíu na intervención dunha moción á que o PP anunciou o seu voto en contra.