congreso

BNG reitera a necesidade de prolongar as axudas ao sector marisqueiro da Ría do Burgo

Reunión Burgo
Reunión Burgo

Néstor Rego traslada á Confraría da Ría do Burgo as iniciativas realizadas polo BNG na cámara baixa para que se manteñan as axudas até a recuperación da capacidade produtiva

Avanza o rexistro dunha Proposición Non de Lei para que o Goberno do Estado continúe coas axudas e manteña un diálogo constante coa Confraría

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, traslada á Confraría da Ría do Burgo as iniciativas rexistradas para que o Goberno do Estado manteña as axudas ao sector marisqueiro até a recuperación íntegra da capacidade produtiva. Así mesmo, a organización nacionalista demandará, a través dunha Proposición no de Lei, alongar as axudas entre 18 e 24 meses, desde que se semente o marisco até que poida ser recollido.

Na reunión coa Confraría da Ría do Burgo, ademais do deputado nacionalista no Congreso, tamén participaron o portavoz municipal do BNG na Coruña, Francisco Jorquera, e a concelleira e deputada no Parlamento de Galiza, Mercedes Queixas. A organización nacionalista aproveitou a xuntanza para trasladar as iniciativas rexistradas na cámara baixa para que o Ministerio alongue as axudas percibidas polos mariscadores e mariscadoras unha vez rematadas as obras de dragaxe da Ría do Burgo.

O prazo de finalización das obras na Ría e, polo tanto das axudas percibidas polo sector marisqueiro, rematan o 31 de decembro de 2023. Mais, a partir dese momento, segundo explica o deputado nacionalista, aínda serían precisos entre 18 e 24 meses, desde que se semente o marisco até que poida ser recollido.

“A preocupación é saber se o Ministerio vai prorrogar as axudas para cubrir tamén ese período, entre 2024 e 2025, ou se, pola contra, pretende que durante ese tempo os mariscadores e mariscadoras estean sen ningún tipo de ingreso” apunta o deputado do BNG no Congreso. De decidir esta última opción, continúa Rego, “sería inaceptábel” polo que a organización soberanista xa presentou iniciativas no Congreso

“Rexistraremos unha Proposición Non de Lei, acordada cos mariscadores e mariscadoras, instando o Goberno a que de forma urxente adopte a decisión de prorrogar as axudas” avanza Rego. Neste sentido, o deputado comprométese a “facer todas as xestións necesarias para conseguilo”.

En opinión do deputado do BNG “é de sentido común” que, se houbo axudas durante o período do cesamento da actividade estivo motivado polas obras de dragaxe da Ría do Burgo, “tamén as haxa no período en que non se vai poder extraer marisco até que as condicións sexan as adecuadas para poder recollelo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG